Un total de 20 empresas presentan as súas ofertas para a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, nos concellos de Narón e Valdoviño

A actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de 865.000 euros, incluíndo o abono das 53 fincas necesarias para a construción deste itinerario seguro e accesible entre o p.q. 6+500 e o 10+400 da citada vía

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada, en Valdoviño

Tamén se reformará a intersección no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil
 

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2019

Un total de 20 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras dun itinerario peonil e ciclista na estrada AC-116, entre Cruceiro e Lago, ao seu paso polos concellos de Narón e Valdoviño.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dispón dun orzamento de 865.000 euros, que inclúe o pagamento das expropiacións das 53 fincas necesarias para a execución dun itinerario peonil seguro e accesible nesta estrada, entre o p.q. 6+500 e o 10+400.

A intervención ten por obxecto a execución dunha senda para conectar co paseo que bordea a Lagoa da Frouxeira e que chega ata o núcleo de Atios, permitindo a conexión peonil ao longo de toda a estrada AC-116, no municipio de Valdoviño.

Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que sumará 3,2 km, permitindo completar un itinerario peonil continuo entre as travesías de Cruceiro, no Concello de Narón, e Lago, situado no de Valdoviño.

Desde este punto, a AC-116 ten xa beirarrúas ata o seu final, polo que coas sendas previstas quedará conectado o paseo da lagoa de Frouxeira, que parte da travesía de Lago, tanto desde Narón como desde Valdoviño.

Ademais reformarase a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira, eliminando parcialmente o carril central de espera para xirar á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no p.q. 12+360.

A obra compleméntase coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.
 

Data de actualización: 18/05/2019