A Xunta inicia a elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030, folla de ruta para afrontar os retos da futura dixitalización na vindeira década

Salienta que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas da futura dixitalización

Explica que a metodoloxía de elaboración derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos
 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, durante a rolda de prensa de Consello, da aprobación do inicio do proceso de elaboración da Estratexia dixital de Galicia 2030. Unha folla de ruta para a vindeira década destinada a que a Comunidade estea preparada para afrontar os retos da futura dixitalización e poida beneficiarse das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

Máis polo miúdo, o titular do Goberno galego explicou que esta nova estratexia pivotará sobre 4 piares que estarán aliñados coas políticas europeas da futura dixitalización.

O primeiro deles, salientou, será a capacitación dixital, xa que o 90% dos empregos requirirán esa cualificación, en segundo termo, engadiu, favorecerase un clima de confianza e transparencia, asegurando que as tecnoloxías emerxentes respecten a privacidade e as normas éticas.

O terceiro dos vectores, indicou, favorecerá a consolidación dun ecosistema dixital forte, e, por último, o cuarto dos piares contemplará a promoción do liderado dixital coa misión de impulsar proxectos demostradores con impacto de transformación nos diferentes sectores económicos.

Nese sentido, abundou, a metodoloxía de elaboración da dita estratexia derivará do Centro Común de Investigacións da UE, polo que haberá tanto paneis de profesionais, como unha comisión permanente de expertos. Ademais, será un proceso participativo no que se terán en conta as achegas das empresas e dos axentes sociais.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén lembrou que Galicia leva tempo apostando pola dixitalización. A ese respecto, fixo referencia a Axenda dixital de Galicia 2014 e 2020, coas que se mobilizaron en 10 anos preto de 3.000 M€ entre capital público e privado. Un esforzo, dixo, que se reflicte, por exemplo, nunha administración máis dixital, en 2018 o 50% dos trámites foron telemáticos ou nun ensino no que todas as aulas desde 5º de primaria a bacharelato contan con dotacións mínimas dixitais e preto de 20.000 estudantes utilizan só o libro dixital.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/05/2019