A Xunta adxudica as obras de mellora do abastecemento no núcleo da Granxa, no Concello de Oímbra, cun investimento de case 50.000 euros

Esta actuación dispón dun prazo de execución de 2 meses e ten por obxectivo a incrementar o caudal de auga potable e resolver as restricións nas épocas estivais cando se incrementa a súa poboación

Os traballos contratados por Augas de Galicia consisten na execución dunha nova captación de auga e a disposición dunha bomba para salvar o desnivel existente de 45 metros ata o deposito actual

Tamén se colocará unha nova tubaxe de distribución desde o depósito existente ata a entrada deste núcleo, onde se conectará coa rede de distribución

As obras inclúen a reposición do firme na zonas na que se fai necesaria a instalación das tubaxes

Esta intervención enmarcase na cooperación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cos concellos para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos que habitan o medio rural
 

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de mellora do abastecemento no núcleo de poboación da Granxa, no Concello de Oímbra, cun investimento de case 50.000 euros.

Os traballos serán executados pola empresa Vipeca, Obras y Servicios, S.L, e dispoñen dun prazo de execución de 2 meses, desde o inicio das mesmas.

Na actualidade a captación de auga potable neste núcleo do concello ourensá carece do caudal suficiente para o abastecemento da poboación, sobre todo en épocas estivais cando a súa poboación crece sensiblemente- E o obxecto da intervención contratada por Augas de Galicia solucionarán os períodos de restricións de auga potable neses períodos de maior demanda.

Os traballos previstos polo organismo hidráulico da Xunta consisten na execución dunha nova captación de auga e a disposición dunha bomba para salvar o desnivel existente, de 45 metros ata o depósito existente actualmente. Tamén se colocará unha nova tubaxe de distribución desde o depósito existente ata a entrada do núcleo de A Granxa, onde se conectará coa rede de distribución actual
Finalmente as obras completaranse coa reposición do firme na zona na que se fai necesaria a instalación das tubaxes.

Esta intervención enmarcase na cooperación da consellería cos concellos galegos para que a cidadanía dispoña de servizos axeitados, especialmente á hora de garantir a calidade de vida dos que habitan o medio rural
 

Data de actualización: 19/05/2019