A Xunta vén de abrir o prazo de inscrición para proxectos de economía social no espazo comercial ES-Pop Up Ourense

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa este modelo a través dunha iniciativa que promove estes espazos destinados ao comercio

Do 13 ao 15 de xuño, oito proxectos poderán participar cunha experiencia real de venda nun espazo comercial aberto que lles permitirá perfeccionar o seu modelo de negocio

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria continúa coa súa aposta de apoiar os proxectos e empresas galegas de economía social coa celebración en Ourense, do 13 ao 15 de xuño, de ES-Pop Up, un espazo comercial efímero de emprendemento. O obxectivo é introducir novos produtos e servizos, testar unha idea de negocio ou estender o valor da marca.

Con ES-Pop Up crearase un ecosistema comercial aberto de duración limitada, que atraia un maior fluxo de persoas achegando a economía social á cidadanía. A convocatoria está dirixida tanto a empresas de economía social en fase de consolidación como a novos emprendedores interesados en impulsar proxectos empresariais de economía social, de Galicia ou do norte de Portugal.

Un total de oito proxectos poderán acceder a unha experiencia real de venda de produtos ou servizos que desexen testar, o que lles permitirá avaliar o grao de satisfacción do público e adoptar as melloras necesarias. Ademais, a través de varios talleres preparatorios formativos e sesións de titorización individual, os participantes poderán profundar sobre contidos que complementen a súa formación comercial e enriquezan os seus proxectos empresariais: escaparatismo, márketing dixital e comercial, capacidade financeira ou previsión económica serán, entre outras, as temáticas que se abordarán. Esta edición é a primeira das tres que desenvolverá a Xunta ao longo deste ano e que darán cabida a un total de 26 participantes.

ES-Pop up enmárcase no proxecto Poctep Laces, confinanciado pola Unión Europea a través do Feder e liderado pola Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía Emprego e Industria. As bases da convocatoria poden consultarse na web:
http://ceei.xunta.gal/recursos/iniciativas?content=sx-emprego/iniciativa_0073.html

O prazo para formalizar as presentacións das candidaturas estará aberto ata o próximo 31 de maio e a inscrición realízase en liña.

Data de actualización: 19/05/2019