Aberto o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao Fondo Solidario da Xunta

O prazo para presentar as solicitudes, -por vía telemática, nos propios centros docentes ou nos rexistros oficiais-, rematará o 21 de xuño

O alumnado de 1º e 2º de Primaria poderá acollerse ás axudas á compra de libros, que van entre os 90 e os 170 euros en función da renda

No caso do alumnado matriculado en educación especial, mantense unha axuda de 250 euros independentemente da renda

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO poderá acollerse ao Fondo Solidario de Libros, cuxos manuais se asignan por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar

Ademais, no caso de rendas inferiores aos 5.400 euros per cápita, o alumnado poderá recibir vales de 50 euros para adquisición de material escolar

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2019/20.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 21 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a 12,1 millóns de euros a razón de 5,4 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,1 millóns para a adquisición -por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado con nivel de renda que lle dea dereito ao citado fondo.

As solicitudes poderán presentarse ben por vía electrónica empregando a aplicación informática fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

O sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

Axudas á compra

As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial.

Os requisitos de renda e as contías das axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

  • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400,00 euros: 170 euros
  • Renda per cápita familiar superior a 5.400,00 e igual ou inferior a 9.000: 90 euros

Así mesmo, mantense que o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (170 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

No caso do Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que nos tres anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Datos curso 2018/2019

No curso actual curso 2018/2019 concedéronse un total de 27.690 axudas á adquisición de libros de texto e 97.406 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 631.652 manuais entre 108.354 alumnos (sete de cada dez recibiron seis ou máis libros de balde).

En definitiva, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional chegou este ano co programa de Gratuidade Solidaria para libros de texto a case 136.044 alumnos, ben a través do fondo (108.354), ben das axudas (27.690).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/05/2019