A Xunta e as universidades galegas colaborarán na prevención e loita contra a violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe tres convenios de colaboración neste sentido cos tres reitores galegos

En virtude deste acordo, as institucións académicas desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
 

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe tres convenios de colaboración cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, co obxectivo de colaborar na prevención e erradicación da violencia de xénero.

En virtude destes acordos -dotados con 100.000 euros cada un- as universidades desenvolverán medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Máis en concreto, porán en marcha actuacións relacionadas con dous eixos: o de sensibilización e prevención, e o de visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres, en tanto son os eidos onde estas institucións académicas teñen máis que achegar.

Esta nova colaboración complementa o traballo que xa viñan desenvolvendo as Universidades a través das súas Oficinas de Igualdade e o resto de actuacións que xa executaban en colaboración coa Xunta, como as xornadas contra a violencia sexual.

Coa sinatura destes convenios, a Administración autonómica segue fomentando o compromiso transversal do conxunto do Goberno galego na execución do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste marco, xa se foron asinando outros acordos para poñer en marcha actuacións específicas en eidos como a cultura, o turismo, a educación, a vivenda, o deporte, as políticas sociais ou o medio rural.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2019