Lete Lasa destaca a "querenza" de Galicia polo balonmán e o seu "rigor e criterio" na organización de eventos deportivos como garantías de éxito do Mundial Júnior de Pontevedra e Vigo

Insiste na importancia que ten o balonmán en Galicia e nomea a algúns dos mellores representantes galegos como Begoña Fernández ou Rodrigo Corrales

Pontevedra, 21 de maio de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación e no posterior sorteo dos grupos do XXII Mundial Júnior de Balonmán Masculino que terá lugar nas cidades de Pontevedra e Vigo do 16 ao 28 de xullo do presente ano. Na súa intervención, o secretario xeral destacou a “querenza” de Galicia polo balonmán, así como o seu “rigor e criterio” na organización de eventos deportivos.

Neste sentido, Lete Lasa lembrou o gran éxito colleitado polo Mundial Júnior de 1989, celebrado hai 30 anos en Galicia. “Para a Xunta de Galicia é unha enorme satisfacción que o mellor deporte do mundo veña a este recuncho privilexiado do mundo, e é tamén unha honra, e un moi grato deber, ser partícipes de que iso suceda en leal colaboración coas federacións e entidades deportivas, e co resto de institucións públicas”, dixo.

O secretario xeral insistiu na importancia que ten o balonmán en Galicia e nomeou a algúns dos mellores representantes galegos como Begoña Fernández ou Rodrigo Corrales. Galicia é a terceira comunidade autónoma con maior número de licenzas de balonmán en España.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/05/2019