Galicia será unha das primeiras CCAA en dispoñer dun censo con información actualizada co total de solo empresarial dispoñible

Feijóo di que o censo deberá incluír en cada caso a oferta dispoñible, individualizada por parcelas, o tipo de espazo dispoñible e os seus usos, así como os cambios que se produzan

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, do inicio da tramitación do decreto que regulará o censo do solo empresarial e converterá a Galicia nunha das primeiras CCAA en dispoñer desta información exhaustiva e actualizada para facilitar a creación de empresas.

En concreto, e co obxectivo de ter mellor información sobre o total de solo empresarial dispoñible no conxunto da Comunidade, será obrigatoria e gratuíta a inscrición no censo de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización e tamén das áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. Deste xeito, a obriga comprende a todas as áreas empresariais independentemente de que sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas.

Máis polo miúdo, Feijóo sinalou que o censo deberá incluír en cada caso a oferta dispoñible, individualizada por parcelas, o tipo de espazo dispoñible e os seus usos, así como os cambios que se produzan desas parcelas, que deberán ser comunicados no prazo dun mes.

En canto ao procedemento que deben seguir estas áreas, o presidente da Xunta subliñou que no caso das existentes, disporán de 3 meses para solicitar a súa inscrición desde a entrada en vigor do decreto, e no caso das novas actuacións, o prazo máximo será dun mes. Finalmente, e no caso de incumprimento, dixo, as sancións oscilarán entre os 1.000 e 10.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2019