O secretario xeral para o Deporte inaugura o curso da AEMEF asegurando que Galicia conta con "fútbol e doutores de primeira división"

Destaca a “preocupación” da Xunta “pola saúde dos nosos cidadáns e cidadás” e subliña a importancia do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable e dentro do mesmo a ferramenta DAFIS (Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable)

Vigo, 23 de maio de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na inauguración do curso da Asociación Española de Médicos de Equipos de Fútbol (AEMEF) que neste 2019 recala por cuarta vez en Galicia tras pasar nos anos 1997 e 2006 pola Coruña e en 2002 pola Toxa (O Grove). Nesta ocasión, durante a inauguración do curso celebrada na sede do Real Club Celta de Vigo, o mandatario galego asegurou que Galicia conta “con fútbol e doutores de primeira división” facendo fincapé na calidade do deporte e da medicina galega.

Nas súas verbas o responsable do Deporte galego destacou a “preocupación” da Xunta de Galicia “pola saúde dos nosos cidadáns e cidadás”. Neste sentido subliñou a importancia do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable e dentro do mesmo a ferramenta DAFIS (Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable) que en 2018 foi seleccionada pola oficina europea da OMS como o mellor exemplo de boas prácticas en España para a promoción da Actividade Física no ámbito escolar. Por todo iso, o secretario xeral ofreceu “apoio e axuda” ao ámbito profesional da medicina aplicada ao deporte e neste caso en concreto, ao fútbol.

Durante o seu relatorio gabou a calidade dos poñentes do curso e destacou particularmente á xefa do servizo de Cardioloxía do Centro de Medicina do Deporte do CSD, Araceli Boraita, porque “polas súas mans pasaron numerosísimos deportistas de alto nivel”.

Lete Lasa expresou o seu desexo de que “España e Galicia conten con médicos que saiban como interpretar, enfocar e estudar todas as eventualidades médicas que poida atoparse un deportista no camiño para poder ofrecer sempre o mellor diagnóstico e mellorar entre todos a saúde do noso deporte”. “AEMEF axúdanos neste propósito celebrando cada ano un curso que reúne á flor e nata da medicina actual para encher de coñecemento e sabedoría aos profesionais das cidades polas que vai itinerando”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2019