A Xunta da un novo impulso ás infraestruturas sanitarias con 12M€ para o Centro Integral de Saúde no barrio da Residencia en Lugo e 8M€ para a obra do Hospital Meixoeiro en Vigo

Feijóo asevera que o CIS de Lugo contará con 6 plantas e incluirá varios servizos: centro de saúde, PAC/Urxencias, saúde mental e unha base para o 061

Sinala que a obra do Hospital Meixoeiro mellorará o confort dos pacientes e profesionais e permitirá mellorar a eficiencia enerxética

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou dous avances en infraestruturas sanitarias en Lugo e Vigo aprobados esta mañá no Consello da Xunta. Así, o titular do Executivo autonómico destacou que a Xunta habilitou hoxe o crédito necesario para licitar as obras do Centro Integral de Saúde no Barrio da Residencia en Lugo por importe de 12 M€ e tamén autorizará a contratación da obra de mellora do edificio do Hospital Meixoeiro en Vigo.

En relación coas novas instalacións sanitarias de Lugo, Feijóo explicou que se construirá rehabilitando o Hospital Materno Infantil, hoxe en desuso, un edificio protexido polo que, subliñou, o obxectivo é respectar a edificación orixinal e limpar os volumes engadidos. O presidente do Goberno galego detallou que este primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia contará con máis de 8.000 metros cadrados –dos cales máis de 5.300 serán útiles— repartidos en 6 plantas e disporá de varios servizos: o centro de saúde, o PAC/Urxencias, saúde mental e unha base para o 061.

Tamén sinalou que a licitación está prevista para o mes de xuño e terá un prazo de execución de 20 meses. Feijóo destacou que no Barrio da Residencia xa se está demolendo o antigo Hospital Xeral onde se emprazará o centro sociosanitario para maiores e dependentes, unha nova oficina de emprego e formación e un centro de emprendemento aeronáutico. “Seguimos co calendario e co compromiso no Barrio da Residencia en Lugo”, sentenciou.

Nesta mesma liña, destacou a autorización da contratación da obra de mellora do edificio do Hospital Meixoeiro en Vigo. Unha actuación que suporá un investimento de máis de 8M€ cun prazo de execución de 18 meses coa finalidade de executar toda a envolvente térmica do edificio. Os obxectivos desta actuación, sinalou, son: mellorar a fachada, cuberta e cerramentos para solucionar os problemas actuais. Así, ofrecerá mellores condicións de confort para pacientes e profesionais e reducirá o consumo de calefacción e mellorar así a eficiencia enerxética.

En concreto, os traballos consistirán en engadir unha envolvente nova a aplicar sobre as superficies existentes previamente acondicionadas, con substitución das carpinterías dos ocos e un acristalamento máis eficiente e tamén a cuberta, “en definitiva, unha remodelación integral do aspecto exterior do edificio do Meixoeiro”, incidiu. Para concluír, Feijóo destacou que a actuación se enmarca no Plan de aforro e eficiencia enerxética na administración pública 2015-2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2019