Lete Lasa destaca "o Alpinche, a Escudería e o Rallye de Ourense" como a herdanza de Estanislao Reverter, "pai indiscutible do automobilismo galego"

Esta nova edición o Rallye de Ourense tamén será puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes que se celebra por primeira vez xuntando ás 4 mellores probas de asfalto e ás 4 mellores probas de terra, entre as que tamén se atopa o Rallye Terra da Auga que comeza mañá mesmo na comarca de Arzúa

Ourense, 23 de maio de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe no Salón Nobre do Liceo de Ourense na presentación do 52º Rallye de Ourense – Ourense Termal que terá lugar o fin de semana do 7 ao 9 de xuño na cidade das Burgas.

Na súa intervención destacou a Estanislao Reverter como o “pai indiscutible do automobilismo galego” que “ ademais da súa infinita calidade como piloto” deixounos tres xoias do noso deporte como “a máquina referente do automobilismo galego, o Alpinche; unha das escuderías referente do automobilismo galego, a Escudería Ourense e un dos rallyes de referencia do automobilismo galego, o Rallye de Ourense”. Reverter recibiu da Xunta de Galicia a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia a título póstumo no ano 2012.

Respecto ao Rallye Ourense Termal, o mandatario galego definiuno como “unha das mellores probas coas que conta o asfalto galego”. Cómpre destacar que a proba levou en 2018 o premio á mellor organización do circuíto nacional e neste 2019 chega a súa 52 edición sendo o rallye de asfalto con maior número de edicións puntuables para o Campionato Nacional (47) tan só por detrás do Rallye Princesa de Asturias.

Ademais, nesta nova edición o Rallye de Ourense tamén será puntuable para o Supercampionato de España de Rallyes que se celebra por primeira vez xuntando ás 4 mellores probas de asfalto e ás 4 mellores probas de terra, entre as que tamén se atopa o Rallye Terra da Auga que comeza mañá mesmo na comarca de Arzúa.

Do mesmo xeito, o secretario xeral destacou a relevancia do automobilismo galego lembrando que tres das once probas do Campionato de España de Rallyes de Asfalto terán lugar en Galicia, sendo estas, ademais do Rallye de Ourense, o Rali do Cocido de Lalín e o Rallye de Ferrol.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/05/2019