A Xunta participa nun proxecto europeo de transformación dixital no sector lácteo

Con esta iniciativa, que desenvolve o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), preténdese mellorar todos os elos da cadea de produción primaria do leite, a través da súa dixitalización, en aspectos como as forraxes ou o alimento e o manexo do gando na corte
 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2019

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, participa nun proxecto europeo de innovación que procura acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario e máis especificamente do lácteo.

O CIAM, integrado na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), coordina e dirixe un experimento de innovación centrado na dixitalización de todos os elos da cadea de produción primaria do leite. O obxectivo da iniciativa é implementar melloras en todos os pasos desa cadea, desde a produción de forraxe ata a mestura e manexo do alimento, pasando pola planificación xeral de recursos e por operacións na corte. Para iso, aprovéitanse os beneficios que brindan as tecnoloxías dixitais, implicando a cinco pemes que proporcionarán produtos e servizos aos usuarios finais, tanto agricultores como gandeiros ou cooperativas, e coa colaboración da USC e de Gradiant.

Deste xeito, procúrase mellorar a eficiencia na utilización dos recursos para a produción de forraxe e a optimización do uso dos recursos propios das explotacións agrícolas combinando datos de múltiples fontes (aérea, climática, análise de chans, etc.). Trátase tamén de incrementar o rendemento da produción animal a través da mellora das condicións de cultivo, coa optimización da mestura de alimento e a alimentación de precisión.

Outro dos obxectivos pasa por aumentar a sustentabilidade do proceso, de xeito que se incremente a inxesta de precisión reducindo a perda de alimento e se mellore o uso dos recursos naturais, mediante o aproveitamento intelixente de xurros para minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, ao chan ou aos cultivos.

Traballarase, así mesmo, na mellora da monitorización e no manexo das operacións e condicións nas cortes e tamén na optimización da toma de decisións mediante a integración de múltiples fontes de datos na planificación de recursos. Por último, probarase e demostrarase a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais e sitios específicos (o propio CIAM, o Campus Terra e explotacións leiteiras en condicións reais de traballo). Entre as actividades previstas salienta a utilización de imaxes multiespectrais e da sensorización para a predición da produción e o contido en proteína de cultivos coma o millo, que se desenvolverá en tres parcelas do CIAM.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/05/2019