A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, reuniuse coas persoas promotoras destes servizos de atención á infancia e conciliación
A Xunta seguirá co apoio económico ás Casas Niño abertas hai tres anos que rematan neste 2019 a experiencia piloto

Garántese a continuidade destes recursos gratuítos para as familias e que se localizan en concellos de menos de 5.000 habitantes

Pontevedra, 25 de maio de 2019

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, apuntou á posibilidade de que as Casas Niño que en 2019 rematan a experiencia piloto, a cal tiña unha duración de tres anos, continúen a recibir axudas para o seu funcionamento. Fíxoo nun encontro coas persoas promotoras destes servizos na provincia de Pontevedra que tivo por obxecto poñer en común experiencias para avanzar na mellora da atención nestes recursos de atención á primeira infancia e de conciliación.

Amparo González mantivo ao longo deste mes encontros coas persoas responsables das Casas Niño que están en funcionamento por toda a xeografía galega, coa finalidade de dar conta desta proposta de continuar a financiar as actividades que desenvolven. O obxectivo é garantir a continuidade destes recursos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria de axudas de 2016.

Na provincia pontevedresa son tres as Casas Niño que contan co apoio económico da Xunta, situadas nos concellos da Lama, Pazos de Borbén e Dozón. Abríronse dentro das convocatorias de axuda dos exercicios 2016 e 2017, xa que na do ano pasado non se rexistrou ningunha solicitude. Na actualidade, o Goberno galego está a traballar na elaboración dunha nova convocatoria para este 2019, que permitirá a creación de 15 novos recursos deste tipo en concellos de menos de 5.000 habitantes.

As Casas Niño son recursos gratuítos para as familias que ademais de facer máis doado conciliar, contribúen a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local. Cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos. Na actualidade, hai 61 recursos deste tipo repartidos por toda a xeografía galega e serán 76 cando ao remate desta lexislatura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/05/2019