A Biblioteca de Mesopotamia reedita o ‘Libro da Ribeira Sacra’ de Emilio Araúxo

É o terceiro volume deste selo que aspira a reconstruír a paisaxe literaria xurdida na confluencia dos ríos Miño e Sil

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación na adega Ronsel do Sil

Parada de Sil (Ourense), 1 de xuño de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe na adega Ronsel do Sil á presentación do Libro de Ribeira Sacra, a obra de Emilio Araúxo que acaba de reeditar a Biblioteca de Mesopotamia.

Este libro é o terceiro volume editado por este selo. Foi publicado por primeira vez no ano 1996, conta con case cincocentas páxinas nas que se realiza unha profunda investigación nas formas de pensar e de vivir da rexión da Ribeira Sacra. Nela, Araúxo reconstrúe as orografías, os perfís humanos e a historia da rexión: desde as montañas do Courel á Cabeza da Meda, de Quiroga á Peroxa, de Castro Caldelas a Monforte de Lemos ou de Pantón e Sober a Xunqueira de Espadañedo.

O selo editorial Biblioteca Mesopotamia aspira a reconstruír a paisaxe literaria xurdida na confluencia dos ríos Miño e Sil, así como a apoiar a candidatura da Ribeira Sacra ao recoñecemento de Patrimonio Mundial da Unesco.

O primeiro volume da Biblioteca foi Os contos de Mesopotamia, de Ánxel Fole, colleita dunha serie de narracións ambientadas en diferentes paisaxes da zona, desde O Incio e O Courel ou Castro Caldelas a Monforte e A Pobra de Brollón. Os eidos, do chamado poeta do Courel, Uxío Novoneyra, constitúe o segundo libro da colección.

Data de actualización: 01/06/2019