A Xunta aborda a transcrición automatizada das vistas para avanzar na implantación efectiva do expediente xudicial electrónico

É unha das liñas de actuación do Plan Senda 2020 para facilitar a automatización dos procesos e mellorar a experiencia dos profesionais

Tamén se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais, doutros actos procesuais así como dos expedientes doutras administracións

Este ano prevese alcanzar as 40 salas de vistas integramente dixitais

Xa se presentaron online máis de 1.100 demandas online a través da sede electrónica xudicial e estase a pilotar a descarga online das vistas para profesionais
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2018

A Xunta está a analizar as ferramentas tecnolóxicas que permitan a transcrición automatizada das vistas, unha solución que evitaría a visualización completa dun xuízo cada vez que se precise consultar un testemuño ou un momento concreto da vista. Así o avanzou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na súa intervención no Encontro de presidentes de Salas do Contencioso Administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de España, hoxe na Coruña.

A directora da Amtega lembrou que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e que agora se traballa para conseguir a súa implantación efectiva, con medidas para mellorar tanto automatización dos procesos como a experiencia dos profesionais do eido xudicial.

Así, xunto coa transcrición automatizada das vistas, Mar Pereira avanzou que se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais e doutros actos procesuais así como a integración electrónica dos expedientes doutras administracións.

Salas de vistas dixitais

A responsable da Amtega sinalou que a implantación da administración xudicial electrónica vai acompañada da dotación e renovación continuada do medios tecnolóxicos e da incorporación de novos servizos dixitais para profesionais e cidadáns

Actualmente, preto do 90% das salas de vistas dispoñen do sistema eFidelius, integrado coa sinatura electrónica e o 100% dos partidos xudiciais contan con acceso a videoconferencia, con 113 equipos distribuídos polo territorio.

En 2018 púxose en marcha unha nova modalidade de salas de vistas (Salas EXE) orientadas á celebración da vista nun contexto completamente dixital. Está implantada en 10 salas e este ano alcanzaranse outras 30.

Demandas e descargas de vistas online

Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica. procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Está dispoñible no 100% dos partidos xudiciais desde o segundo semestre de 2018 e xa se presentaron máis de 1.100 monitorios online.

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Para os profesionais a sede xudicial está a ofrecer novas funcionalidades como as descargas de vistas online, que se está a pilotar en tres órganos xudiciais.

Sinatura Dixital

O 51% dos órganos xudiciais ten habilitada a sinatura dixital a día de hoxe. Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial que centraliza nun único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.

Plan Senda

Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente
Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros.

As súas actuacións estanse a levar a cabo a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego e nun marco de cooperación interadministrativa co Goberno do Estado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/06/2019