Valentín García inaugura en Niterói o 'I Seminario Internacional de Estudos Lingüísticos. Galego e portugués'

O secretario xeral de Política Lingüística abriu esta mañá na cidade brasileira este congreso organizado polo Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal, adscrito á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta

Ata o día 8, expertos en galego e portugués presentarán as súas investigacións en conferencias, cursos, mesas redondas e simposios

Niterói (Brasil), 5 de xuño de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriu esta mañá na cidade brasileira de Niterói o I Seminario Internacional de Estudos Lingüísticos. Galego e portugués: o pasado presente, que reúne expertos en lingua galega e portuguesa de ambas as beiras do Atlántico desde hoxe e ata o vindeiro día 8 de xuño.

No acto inaugural, Valentín García destacou o traballo que a Rede de Centros de Estudos Galegos, coordinada pola Consellería de Cultura e Turismo e á que pertence o Núcleo de Estudos Galegos da Universidade Federal Fluminense, fai “para difundir a nosa lingua e cultura e promover a investigación arredor do galego e da súa literatura por todo o mundo”. Así mesmo, o secretario xeral de Política Lingüística mostrouse seguro de que “este congreso permitirá afondar, non só nas especificidades, senón tamén nas moitas semellanzas e continuidades que unen a lingua galega e as diferentes variedades da portuguesa e que son as que permiten que os galegos nos poidamos comunicar no noso idioma con 270 millóns de persoas”.

A sesión de apertura contou cun pequeno concerto da cantante galega Uxía. O programa de sesións pódese consultar no enlace web http://www.nueg.uff.br/seminario/ e tamén no Portal da Lingua Galega.

Tres días de debate filolóxico

O I Seminario Internacional de Estudos Lingüísticos. Galego e Portugués: o pasado presente está organizado polo Grupo de Pesquisa Galego e Portugués (GAEPO) do Núcleo de Estudos Galegos da UFF, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos que coordina a Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como pola Universidade Federal Fluminense (UFF) e a Universidade de Santiago de Compostela, o Conselho Nacional de Desenvolvimento Científico e Tecnológico do Brasil e a Xunta de Galicia. O seu obxectivo é crear un espazo destinado á reflexión, á discusión e á difusión da investigación sobre o galego e as diferentes variedades do portugués, centrándose fundamentalmente nas abordaxes baseadas no uso.

Para iso, entre hoxe e o día 8 de xuño, data de finalización do congreso, está previsto un completo programa que inclúe cada día os minicursos “Dialectoloxía histórica do galego-portugués”, “O portugués e o pluricentrismo lingüístico”, “Lingua en uso e ensino” e “A investigación sociolingüística: teoría e método”; unha mesa redonda; coloquios e os simposios “Estudos en lingüística cognitiva”, Estudos do léxico”, “O galego contemporáneo e os seus lazos históricos co portugués”, “Variación e mudanza lingüística”, “Estudos en lingüística funcional”, “Estudos e fonoloxía” e “Estudos sobre aspectos lingüístico-discursivos”. Ademais, hoxe terá lugar a conferencia de apertura “Evolución diacrónica e histórica da lingua: o proceso de individuación do galego”, do profesor da USC Henrique Monteagudo, e o vindeiro venres pecharase o congreso coa conferencia de clausura “As relacións galego/portugués a través da mirada dos filólogos brasileiros”, de Carlos Alberto Faraco, da Universidade Federal do Paraná.

Data de actualización: 05/06/2019