Convocadas 18 batidas de limpeza '1m2 pola natureza' para concienciar á cidadanía do impacto que provoca o lixo nos areais e espazos naturais de Galicia

O vindeiro 15 de xuño celebrarase a terceira edición desta iniciativa dentro do proxecto ‘Libera: Natureza sen basura’, unha gran recollida colaborativa anual para loitar contra a “basuraleza”

Invita aos cidadáns galegos a sumarse a algunha destas actividades e a multiplicar o número de participantes das anteriores edicións, que ten por obxectivo principal liberar á natureza deste tipo de afeccións medioambientais

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

Un simple xesto como deixar un envoltorio de plástico na praia ou unha lata de refresco provoca un impacto de graves consecuencias no ecosistema. Por ese motivo, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, invitou ao conxunto da sociedade galega a participar nalgunha das 18 batidas de limpeza convocadas ata o momento, 1m2 pola natureza, co fin de concienciar á cidadanía do impacto que ten o lixo nos areais e nos espazos naturais de Galicia.

Ferreira Costa, xunto co xerente de Ecoembes, Fernando Blázquez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación desta iniciativa que se celebrará o vindeiro 15 de xuño en 14 concellos galegos e que se trata dunha iniciativa dentro do proxecto Libera: Natureza sen basura, posto en marcha por SEOBirdLife e Ecoembes, para loitar contra un fenómeno que se pode denominar “basuraleza”.

Recordou que se trata da terceira edición na que Galicia participa e fixo un chamamento á sociedade para multiplicar o número de participantes das anteriores citas (no 2018 houbo 500 voluntarios que realizaron limpezas en 24 puntos da xeografía galega), co obxectivo de concienciar ao conxunto da sociedade na necesidade de avanzar cara a mitigación do impacto do lixo nos espazos naturais. Sinalou que o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente que nos rodea e, en consecuencia, no planeta.

Explicou que todas aquelas persoas que desexen participar nunha batida poden inscribirse nalgunha ata o vindeiro día 14 a través da web www.proyectolibera.org e afirmou que quedar parado non é unha opción, senón que hai que poñer o foco e verbalizar esta catástrofe ambiental e xerando un cambio nas condutas da cidadanía.

Explicou que este tipo de movemento permiten eliminar da nosa contorna un residuo moi perigoso, como son as cabichas, que son a primeira fonte de lixo a nivel mundial, dado que conteñen substancias perigosas cuxo efecto contaminante pode durar entre 7 e 12 anos. Indicou que nestas ‘batidas’ outros residuos frecuentes son as toalliñas húmidas e os envoltorios.

A directora xeral explicou que os interesados en participar nalgunha das batidas abertas, poden formalizar a inscrición na seguinte web: www.proyectolibera.org.

Galicia comprometida

A directora xeral indicou que os galegos son cada vez máis unha sociedade comprometida co medio ambiente e co coidado do planeta, responsabilidade e actitude que se observa en moitos ámbitos, como nas cifras de reciclaxe, por exemplo; ou a través da participación en iniciativas e actividades, como as dúas anteriores edicións de 1m2 pola natureza, 1m2 polo campo, os bosques e o monte e, máis recentemente, a campaña 1m2 polos ríos, encoros e pantanos.

Destacou a variedade de lugares que foron o punto de encontros nas pasadas edicións, como a praia de Covas (Lugo), a Capela do San Antón (Ourense), a praia de Barrañán (A Coruña) ou os Xardíns Valle-Inclán (A Coruña); así como as empresas e entidades que achegaron os seus esforzos para convertirse en ‘Héroes Libera’, organizando puntos de recollida, como fixo Indra na praia de Sabón, en Arteixo; Telefónica fixo o propio no Grove, a compañía AXA tamén realizou limpezas no Grove e Pescanova na Enseada de San Simón.

Ciencia Libera

A directora xeral de Calidade Ambiental tamén destacou outra iniciativa posta en marcha por SEO/ BirdLife, Ciencia Libera, cuxo obxectivo é o impacto da basuraleza en Áreas Importantes para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (AI). En Galicia, as seleccionáronse seis áreas (Illas Cíes, Costa da Morte Norte, Ría do Eo-Praia de Baraio-Ría de Foz, A Limia, Serra dos Ancares e Serra da Cabrera), por ser uns hábitats máis representativos. Grazas a esta iniciativa tómanse mostras de auga, chan e feces de animais silvestres... para identificar e cuantificar a presenza de produtos contaminantes provocados polo abandono de residuos e analizar o seu impacto no medio natural. As mostras son analizadas por investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o maior organismo público de investigación de España.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/06/2019