A Xunta destaca a aposta do Clúster da Madeira por impulsar a innovación e o deseño na industria forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asistiron hoxe en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral do Cluster da Madeira

O director de Xera avogou por aproveitar o potencial da industria forestal galega para convertila na panca de impulso da bioeconomía

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal destacou que Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50% do volume de cortas en España

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Lema, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, clausuraron hoxe a asemblea xeral do Cluster da Madeira, celebrada en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o director de Xera destacou a aposta que desde o Clúster da Madeira se está a facer por impulsar tanto a innovación como o deseño na industria forestal. Así, lembrou que a entidade participará nun dos Hubs de innovación dixital de Galicia que estará liderado por Bioga; e agradeceu a súa implicación no desenvolvemento da Estratexia do deseño para a innovación, adaptando este tipo de políticas á singularidade da madeira.

Ademais, Ignacio Lema avogou por aproveitar o potencial da industria forestal galega para convertila na panca de impulso da bioeconomía, un novo modelo de organización económica que xa está presente en importantes sectores e produtos cun alto potencial como o da celulosa da madeira, e que permiten xerar valor engadido ao uso da madeira como recurso natural.

Pola súa banda, o director de Planificación e Ordenación Forestal destacou que Galicia é a Comunidade autónoma coa maior taxa de aproveitamento madeireiro, con máis do 50% do volume de cortas en España. Neste senso, lembrou que as cortas solicitadas no 2018 na nosa comunidade superaron amplamente os nove millóns de metros cúbicos de madeira, o que supuxo acadar rexistros nunca observados nesta comunidade.

Para seguir sendo un referente neste eido produtivo, José Luís Chan trasladou aos presentes que, para impulsar a xestión forestal activa e multifuncional do monte galego, a Consellería do Medio Rural recorrerá a elementos como o propio Plan Forestal, os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) e os modelos silvícolas e códigos de boas prácticas, adaptados á pequena propiedade típica de Galicia. Todo isto, insistiu, acordando medidas entre os sectores e axentes económicos, ambientais e sociais implicados, co obxectivo de xerar compromisos de corresponsabilidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 06/06/2019