A Xunta colabora coa Federación Galega de Caza na difusión dos valores medioambientais asociados á actividade cinexética

Mediante este acordo, a entidade representativa dos cazadores galegos organizará xornadas e cursos orientados co fin de que coñezan a caza como un deporte seguro e sustentable, na súa xestión

Deste modo, a Consellería de Medio Ambiente renova un ano máis o acordo de cooperación coa entidade deportiva co obxectivo de avanzar na formación e no fomento da actividade como unha das medidas protectoras do medio natural

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará coa Federación Galega de Caza na organización de cursos e xornadas formativas para que coñezan esta actividade como un deporte seguro e sustentable, na súa xestión.

Esta acción enmárcase dentro dun convenio de colaboración que esta mañá responsable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade deportiva, Javier Nogueira Diz, renovaron un ano máis, co fin de difundir e fomentar os valores medioambientais asociados á actividade cinexética tales como o respecto e o coidado do patrimonio natural.

Desta forma, a Consellería de Medio Ambiente renova o apoio a esta entidade, xa que é a máis representativa dos cazadores galegos, pois organízase en base a catro federacións provinciais e intégrase co conxunto das federacións rexionais na Federación Española de Caza.

Así, mediante este acordo, o Goberno galego contribuirá á realización de actividades de divulgación, formación e de fomento da actividade cinexética. Nese sentido, destacan os cursos e xornadas dirixidas a cazadores e responsables das sociedades de caza, sobre temas de actualidade relacionadas coa actividade cinexética, a súa seguridade e a súa xestión. Estas serán impartidas por expertos nas diferentes materias e poderán ser presenciais ou on line.

A maiores, o convenio de colaboración contempla a reedición dunha campaña divulgativa sobre prevención dos sinistros, un curso formativo que achegará medidas de seguridade que se deben adoptar durante a práctica da actividade cinexética e na organización de batidas para evitar accidentes; ao igual que unha aproximación aos primeiros auxilios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/06/2019