Unha xornada nacional sobre loita contra a desigualdade infantil pon como exemplo a experiencia das escolas infantís galegas

A xerente-adxunta de Escolas Infantís do Consorcio Galego de Benestar, Carmen García, explicará o modelo educativo da rede A Galiña Azul, e dará a coñecer outros recursos como a Tarxeta Benvida e os Bonos Concilia e Coidado

Sevilla, 9 de xuño de 2019

A xornada nacional “Invertir en infancia para eliminar desigualdades”, organizada polo Defensor del Menor de Andalucía e pola ONG Save the Children, que terá lugar en Sevilla o próximo luns, 10 de xuño, porá como exemplo o modelo educativo e de xestión das escolas infantís da Galiña Azul da Xunta de Galicia.

A Consellería de Política Social foi convidada a este encontro, que se desenvolverá na sede da Fundación Cajasol da capital hispalense, polo elevado prestixio nacional e internacional co que conta desde hai máis dunha década a rede autonómica galega de centros para nenos de 0 a 3 anos.

A xerente-adxunta da área de Escolas Infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Carmen García Campelo, acudirá a esa cita para disertar sobre a política da Administración galega en canto a investimentos e actuacións para favorecer a conciliación da vida laboral e persoal das familias das nenas e nenos que nacen e viven na nosa comunidade autónoma. Dará conta da ampliación e mellora constante da rede de centros da Galiña Azul nos últimos anos, e tamén falará doutras medidas como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia, o Bono Coidado, as escolas infantís en polígonos industriais, ou as Casas Niño en municipios de menos de 5.000 habitantes que carecen de recursos para nenos de 0 a 3 anos.

Concretamente, García Campelo participará na mesa redonda “Educación 0-3 para reducir as desigualdades de orixe”, xunto con Leire Salazar, profesora-doctora da Universidade Nacional de Educación a Distancia, José María Ayerde, director xeral de Planificación e Centros da Consellería de Educación da Junta de Andalucía, e Maite Larrañaga, xerente do Consorcio Haurreskolak, que xestiona as escolas infantís do País Vasco.

Participantes na xornada

Na xornada tamén está prevista a participación, entre outros, de Pau Mari Klose, deputado en Cortes e ex alto Comisionado contra a Pobreza Infantil, José Antonio Noguera, da Universitat Autónoma de Barcelona, Félix Talego, da Universidade de Sevilla, Juan Reyes, presidente da Red Andaluza de Lucha Contra la Pobreza y la Exclusión Social (EAPN Andalucía), así como representantes da Consejería de Igualdade, Políticas Sociais e Conciliación andaluza.

Ademais desta xornada, no encontro de Sevilla tamén se avaliarán as taxas de pobreza infantil en cada territorio. No caso galego, esa porcentaxe é na actualidade do 21,65%, segundo o Instituto Galego de Estatística, notablemente inferior á taxa media española, que acada a día de hoxe o 28%. Ademais, no último ano, a cifra de persoas en situación de estrema necesidade na comunidade autónoma galega reduciuse nun 40%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/06/2019