A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou esta instalación enmarcada no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte
A Xunta instala a primeira marquesiña rural en Vimianzo e continuará a súa colocación en toda a comunidade para acadar un transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns

Vázquez Mourelle sinala que este refuxio dará servizo aos alumnos do CEIP San Vicenzo e do IES Terra de Soneira e aos veciños que fan a ruta da liña regular entre Boudañeira e Vilaseco

Precisa que a Xunta vai instalar estes refuxios, con selo galego no deseño e na madeira empregada, nas zonas urbanas e rurais para dotar de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano

Subliña que o Goberno galego segue traballando para ofrecer máis e mellores servizos, pensando especialmente no rural e no interior e adecuando o transporte á realidade territorial da comunidade e ás necesidades dos galegos do século XXI

Vimianzo (A Coruña), 10 de xuño de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe a instalación da primeira marquesiña rural en Vilaseco, en Vimianzo, que se continuarán colocando nas catro provincias galegas para acadar un transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns.

Vázquez Mourelle sinalou que esta instalación ten unha gran importancia, xa que dará servizo aos alumnos do CEIP San Vicenzo e do IES Terra de Soneira e tamén aos veciños que fan a ruta da liña regular entre Boudañeira e Vilaseco.

Explicou que se trata dunha nova infraestrutura enmarcada dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos públicos de transporte.

Precisou que a Xunta vai instalar refuxios nas zonas urbanas e nas zonas rurais para dotar de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada de toda a comunidade.

Estas marquesiñas, con selo galego tanto no deseño como na madeira empregada, teñen como obxectivo protexer aos usuarios das inclemencias meteorolóxicas, facer máis cómoda e segura a espera e fomentar a información sobre a frecuencia e destino dos servizos de transporte público que pasan por este punto.

Fixo fincapé en que é unha oportunidade para ofrecer máis e mellores servizos aos cidadáns, pensando especialmente no rural e no interior de Galicia e traballando para adecuar o transporte á realidade territorial da comunidade e ás necesidades dos galegos do século XXI.

Destacou que a Xunta está apostando por unha modernización e mellora dos servizos de transporte público interurbano que funcionarán en Galicia durante a vindeira década.

O Goberno galego está a traballar na 2ª fase do Plan de transporte público de Galicia para que a finais do ano se complete o novo mapa de transporte e as súas vantaxes cheguen a toda a comunidade.

A titular de Mobilidade remarcou que o obxectivo é que os galegos dispoñan dun transporte público competitivo e eficiente que dea solución ás demandas de desprazamento dos veciños.

Subliñou os bos resultados da 1ª fase do plan, na que se incorporaron dúas novas modalidades como o transporte compartido e a demanda, nas que priman a cobertura no rural para levar o autobús ou o microbús ou o taxi alí onde é preciso e cando sexa preciso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2019