O IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía acada un dos premios ao mellor traballo no certame cooperativismo no ensino

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na entrega do galardón que o instituto recibe na modalidade de actividades cooperativizadas dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial

A Xunta vén de fallar os premios deste concurso co que se busca promover os valores da economía social entre os estudantes

O certame galardoa os mellores traballos dos alumnos en tres modalidades: artística, actividades cooperativizadas e proxectos empresariais

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 10 de xuño de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa no acto de entrega do premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial do certame Cooperativismo no Ensino. O centro educativo resultou premiado con 2500 euros na categoría de actividades cooperativizadas polo traballo Cotacómic, a Cómic Con do Cotarelo.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria promove entre os estudantes a economía social difundindo os valores e principios cooperativos. Este certame conta con tres modalidades: actividades artísticas, dirixida aos alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria, que está dotado con catro premios de 2500 euros e catro accésits de 1500 euros cada un; e actividades cooperativizadas para o alumnado de ESO, que conta cun único galardón de 2500 euros e un accésit de 1500 euros. Os centros premiados nestas dúas modalidades deberán destinar o premio económico á compra de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo ou á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro.

A modalidade de proxectos empresariais cooperativos está destinado aos estudantes de Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial. Neste caso concédese aos estudantes un premio de 4500 euros e un accésit de 3500 euros.

Os outros colexios gañadores no certame son o IES Moncho Valcarce das Pontes de García Rodríguez (A Coruña); o CEIP Alcalde Xosé Pichel de Coristanco (A Coruña); o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo); e o CEIP Plurinlingüe Domaio de Moaña (Pontevedra), nos que se fará entrega dos premios nos próximos días. Na modalidade de proxectos empresariais resultaron premiados o IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña) e o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

Os estudantes do IES Armando Cotarelo Valledor, ademais de recibir hoxe o galardón, asistiron á representación do espectáculo O vendedor de fume da compañía Teatro dos Ghazafelhos. A través da maxia, a música e o humor esta obra amosa ao alumnado que cooperando conséguense os obxectivos marcados con moita maior facilidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/06/2019