Dez concellos da provincia de Lugo reciben preto de 900.000 euros en axudas da Xunta para crear e mellorar infraestruturas urbanas municipais

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subvencionará o 80% de cada proxecto, cunha contía máxima de 96.800 euros por iniciativa

A iniciativa busca apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes a executar distintas actuacións, fundamentalmente humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos

Lugo, 11 de xuño de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de achegar preto de 900.000 euros a distribuír entre dez concellos lucenses en axudas para a creación ou mellora de infraestruturas urbanas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes apoios, dirixidos a concellos de menos de 50.000 habitantes, financian a execución de diversas actuacións, fundamentalmente de humanización de rúas e de urbanización e mellora de espazos públicos.

A Xunta subvenciona o 80% do custe de cada proxecto, con achegas distribuídas en dúas anualidades 2019 e 2020, e cunha contía máxima de 96.800 euros por iniciativa. Son os concellos beneficiarios os que, en función da súa autonomía, seleccionaron os espazos que serán obxecto do apoio autonómico.

A través destas axudas a Xunta trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas e dos núcleos rurais, á vez que aposta polo reequilibrio territorial. “O Goberno galego apoia os esforzos que os concellos realizan na mellora de dotacións e espazos públicos urbanos, incrementando o atractivo e capacidades da zona na que se levaran adiante as obras”-indicou Balseiro.

Dez concellos beneficiarios

Beneficiaranse desta axuda na Mariña luguesa catro concellos, como son os de Ribadeo (mellora da rúa Pintor Fierros), Cervo (remodelación rúa e praza do Faro) ou Burela (humanización da rúa Hórreo) e Mondoñedo (ampliación do camiño de Fondoso).

Atopamos tamén outro municipio beneficiario na comarca da Terra Chá, como é o caso de Begonte (mellora praza de Baamonde); tres máis da Montaña, As Nogais (mellora das rúas do núcleo urbano), Pedrafita do Cebreiro (mellora da cuberta da nave do mercado tradicional e gandeiro) e Baralla (humanización da rúa Aranza coa intersección coa rúa Anxel Fole)

Polo que respecta á zona central da provincia, os concellos beneficiarios serán dous na comarca de Sarria, Láncara (reforma de beirarrúas na rúa rio Neira da Pobra de San Xiao) e Paradela (humanización da rúa Galicia, da Escola e Cabaleiros de Santiago).

Malia que a tipoloxía das obras realizadas é moi variada, en función do proxecto beneficiario da axuda, si existen tres grandes grupos de apoio: obras de recuperación de espazos públicos peonís, para facilitar desprazamentos e potenciar a súa función como zonas de encontro veciñal; rúas en condicións máis óptimas e seguras, para vehículos e transeúntes; e rexeneración medioambiental de contornos degradados aumentando a oferta de espazos públicos de convivencia con especial atención a aqueles que revisten un especial interese histórico, artístico ou arquitectónico.

Criterios de valoración

Entre os criterios de valoración dos proxectos beneficiarios, que se incluían na propia orde de convocatoria e, polo tanto, eran coñecidos de antemán, primouse o tipo de actuación a executar e a súa localización. As rúas, infraestruturas e equipamentos a mellorar constitúen, en todo os casos, verdadeiros motores de dinamización social e económica da vila ou núcleo de poboación do que se trate.

Tamén se tivo en conta a situación do planeamento (primando aqueles que teñen plan xeral aprobado ao abeiro da Lei 9/2002) e, por último, valorouse a acreditación dunha boa xestión e o esforzo fiscal por parte da administración local solicitante, en atención á contribución media por habitante ao orzamento de ingresos liquidado de 2017.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/06/2019