A Xunta impulsará a instalación de baños adaptados para persoas ostomizadas en servizos autonómicos da provincia de Ourense

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, explicoulles aos representantes da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa que se comezará coa instalación dun aseo no Edificio Xudicial

O obxectivo do Goberno galego é que as persoas ostomizadas poidan empregar os aseos dos edificios públicos en condicións de igualdade, seguridade e comodidade

Ourense, 12 de xuño de 2019

A Xunta desenvolverá en la provincia de Ourense un proxecto de implementación de baños adaptados para persoas ostomizadas en distintas dependencias autonómicas. Así o anunciou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na xuntanza que mantivo esta mañá cos responsables da Asociación provincial de enfermos de Crohn e colite ulcerosa (ACCU). Deste xeito continuarase co proxecto iniciado hai anos polo Goberno galego polo que se adaptou os baños dos hospitais do Sergas, convertendo a Galicia na Comunidade pioneira en España nesta materia.

Díaz Mouteira explicou que a iniciativa comezará no novo Edificio Xudicial no que a Vicepresidencia, dentro do plan de obras menores nos edificios xudiciais, implementará un aseo para que poida ser empregado con maior comodidade polas persoas ostomizadas. O emprazamento deste aseo decidiuse tendo en conta de que ao estar no baixo do edificio permite a accesibilidade non só aos seus usuarios senon a calquera persoa ostomizada que teña necesidade do seu uso.

A delegada territorial anunciou que no futuro estudarase outros servizos autonómicos de distintas Consellerías, onde realizar esta adaptación, en función do número de usuarios, tempos de espera e servizos prestados. Marisol Díaz lembrou que en Ourense hai 800 persoas ostomizadas, mentres que en España están rexistradas 90.000 persoas que se someteron a unha resección intestinal que obrigou a practicar una ostomía. Así, indicou que a Xunta en Ourense vai desenvolver esta iniciativa co obxectivo de “mellorar a calidade de vida destes enfermos e contribuír a facer efectivos os seus dereitos, cumprindo a lei de accesibilidade para que poidan utilizar os aseos dos edificios públicos en condicións de igualdade, seguridade e comodidade, co fin de aumentar a súa autonomía persoal e vida independente”.

A representante do Goberno galego en Ourense subliñou que a Xunta involucrouse desde o principio coa iniciativa e invitou ao resto de administracións, servizos públicos e empresas privadas a que adapten os seus baños como medida para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Crohn ou colite ulcerosa ás que se lle practicou unha ostomía por complicacións relacionadas coa súa enfermidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/06/2019