Medio Ambiente e Abanca renovan o seu convenio para facilitar os cobros relativos a vivendas e locais de promoción pública

A Consellería asinou coa entidade bancaria unha addenda ao acordo subscrito no ano 2017 co fin de implantar un novo sistema para xestionar os recibos e fianzas a través dunha pasarela de pagos na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou esta mañá con ABANCA unha addenda ao convenio de colaboración subscrito en xuño do ano 2017 co fin de desenvolver a recadación do programa de facturación das vivendas e locais comerciais de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como as devolucións derivadas do depósito ou cancelación das fianzas correspondentes.

A principal novidade que se introduce respecto do convenio orixinal, en virtude do cal os adxudicatarios dunha vivenda ou local do IGVS poden xestionar as súas fianzas e recibos a través de calquera oficina de ABANCA, é a incorporación da pasarela de pagos desenvolvida pola entidade bancaria ao catálogo de sistemas de cobro aceptados ata o momento. Deste xeito, permitirase que os cidadáns, sexan clientes do banco ou non, poidan acceder a esta nova aplicación desde a páxina web do IGVS para realizar os pagos que lle correspondan.

Unha das finalidades do convenio asinado entre o IGVS e ABANCA en 2017, precisamente, era mellorar a eficacia das actuacións desenvolvidas en materia de recadación, facéndoas máis participativas e fomentando a utilización de sistemas telemáticos ao servizo do cidadán, co fin de facilitarlles a realización duns pagos que antes só podían facer nalgunha das oficinas que ten o IGVS nas capitais de provincia. A aplicación da tecnoloxía para achegar a administración ao cidadán permite, entre outras cousas, a integración en tempo real dos sistemas informáticos do Instituto coas entidades financeiras colaboradoras, logrando deste xeito un servizo máis áxil e próximo.

Con este obxectivo e a través da addenda asinada hoxe, a Consellería e a entidade bancaria procederán a implantar a partir de agora este novo sistema de cobro de recibos e fianzas, permitindo o acceso á pasarela de pagos na páxina web do IGVS, á cal se engadirá aos demais sistemas de cobro xa contemplados no convenio en vigor.

Así mesmo, cómpre lembrar que as cantidades que abonan os adxudicatarios de vivendas e locais comerciais de promoción pública en concepto de arrendamento forman parte dun fondo que utiliza o IGVS para acometer obras de reforma e rehabilitación no parque da súa propiedade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019