A Xunta investirá 620.000 euros en nove concellos da provincia de Ourense para a creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou Beade que executará obras de mellora na rúa Alférez Montero e na praza de España cunha achega autonómica de 96.800 euros

A orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda diríxese a concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes co obxectivo de contribuír a súa humanización mellorando a calidade de vida da súa poboación

Beade (Ourense), 12 de xuño de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as axudas da orde, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes. Así, o Goberno galego apoiará con preto de 620.000 euros a execución de nove proxectos noutros tantos concellos da provincia ourensá que se desenvolverán en dúas anualidades.

Os concellos ourensáns beneficiados por esta orde de subvencións son: Beade, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Cualedro, Entrimo, Ribadavia, A Teixeira e Vilariño de Conso.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe municipio de Beade, un dos concellos da provincia beneficiados con este programa. Díaz Mouteira xunto co alcalde en funcións, Senén Pousa, coñeceu polo miúdo as actuacións que o Concello executará ao abeiro destas subvencións na rúa Alférez Montero e na Praza de España, nas que o Goberno galego investirá 96.800 euros, do presuposto global de 164.214 euros ao que ascende as obras proxectadas. Marisol Díaz tamén estivo acompañada da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Victoria Núñez, e doutros técnicos.

A representante da Xunta en Ourense explicou que se trata dunha actuación que se inscribe no programa de axudas da Xunta dirixido aos concellos orientado a contribuír á humanización das vilas e cidades galegas, co obxectivo de frear o despoboamento mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Segundo as bases da convocatoria a axuda económica será o 80% do investimento subvencionable, co límite máximo de noventa e seis mil oitocentos euros (96.800,00 €) por concello (IVE incluído).

As obras que se van executar ao abeiro desta subvención consistirán na mellora da rúa Alférez Montero e de dúas prazas públicas que se encontran no percorrido e así contribuír a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. Proxéctase a instalación dun firme formado por lastras e unha rigola de granito, substitución da rede de saneamento actual, pasando de colectores de formigón a outros de PVC , tanto de augas residuais como de augas pluviais.

Díaz Mouteira afirmou que a Xunta traballa “polo desenvolvemento das vilas e dos núcleos de poboación con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación co fin de incrementar o atractivo das áreas rurais”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019