A Xunta organiza no monte da Picaraña un simulacro de incendio forestal de nivel 2 como preparación ante posibles emerxencias

O obxectivo da simulación é desenvolver e coordinar a resposta dos diferentes corpos implicados

Trátase do segundo simulacro que se realiza na provincia de Pontevedra este ano, ao igual que os que se están a facer noutras provincias de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

A Xunta organizou esta mañá no monte de A Picaraña, situado no concello de Ponteareas, un simulacro de incendio forestal co obxectivo de seguir mellorando a preparación e coordinación ante posibles emerxencias.

Trátase do segundo simulacro que se fai na provincia de Pontevedra, este ano, despois doutros que xa se veñen facendo en todas as provincias galegas, aplicando este mesmo modelo. Baséanse nunha lóxica territorial, onde os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración, compartindo os actores implicados, o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan.

O obxectivo fundamental deste exercicio, no que participaron numerosos efectivos, foi comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou na mañá deste mércores 12 de xuño, e simulouse un lume que asolou o monte de A Picaraña, nas parroquias de Ponteareas e Arcos. E no que poría en perigo varias vivendas dos lugares de Canedo, O Areal e A Serra.

Inicialmente, activouse o PEIFOGA en situación 0, pasando posteriormente a situación 2, en torno ás 10:20h, activándose o PLADIGA e procedéndose a mobilización dos diferentes Grupos Operativos.

No simulacro participou unha cisterna de 25.000 litros da AXEGA, 7 motobombas, 4 Pick-Ups e unha ambulancia; 4 axentes forestais, 3 brigadas contraicendios, Servizo de Protección Civil da Subdelegación do goberno, Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica (UPA), Policía local de Ponteareas, Parque Municipal de Bombeiros de Ponteareas, Consorcio provincial de bombeiros, Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, AVPC de Ponteareas, Porriño, Oitaven-Tea e Salceda de Caselas, AXEGA, 061, 112, 085 e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

O Posto de Mando Avanzado (PMA) e o Centro de Recepción de Medios (CRM) establecéronse nunha explanada municipal en Ponteareas, á altura da Rúa Real, nº 89, a beira da N-120, P.K. 643,900. Durante o simulacro, realizáronse exercicios de activación do posto de mando avanzado, control de tráfico dos accesos, exercicios de extinción de incendios e protección de vivendas, e adestramento dos medios de comunicación.

A intervención fíxose na zona forestal e nas vivendas próximas o lume nos núcleos de Canedo, O Areal e A Serra. Durante a mesma tamén participaron os medios sanitarios, simulando evacuar a un ferido en tarefas de extinción.

As 12:40 horas a situación do simulacro deuse por perfectamente controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivada a situación 2, coa conseguinte finalización do exercicio.