O Sergas segue a traballar para mellorar as listas de espera e dotar de máis dereitos aos pacientes

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, indicou que se prima o dereito a elixir o centro e o momento da intervención para aqueles pacientes que así o desexen

Galicia é unha das comunidades con esperas cirúrxicas máis baixas dentro do Sistema Nacional de Saúde

O Sergas planifica a adecuación dos recursos tendo en conta a demanda asistencial e facendo unha estimación que atende aos datos de ocupación dos anos anteriores

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, referiuse hoxe no Parlamento ás listas de espera do Servizo Galego de Saúde, sinalando que o Sergas leva tempo traballando en políticas que permitan melloralas, priorizando en función da gravidade. Almuiña asegurou que o seu departamento mantén un compromiso firme para “continuar axilizando a asistencia e mellorando o servizo que prestamos á nosa poboación”.

O conselleiro lembrou que se está a dotar de máis dereitos aos pacientes, primando a súa liberdade de elección de centro e de momento para a intervención. Ademais, precisou que dende o Servizo Galego de Saúde respéctase escrupulosamente o criterio facultativo.

Segundo afirmou na súa intervención, o Sergas facilita información “de xeito claro e transparente” a través da súa web sobre o número de pacientes e tempo media de espera por pacientes e especialidades.

Galicia, dixo Almuiña, non só respecta os mecanismos e normativa reguladora para o seu funcionamento común para todo o Sistema Nacional de Saúde, senón que reforza con información máis ampla, tanto para a cidadanía como en sede parlamentaria.

O Servizo Galego de Saúde cumpre cos requisitos establecidos polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Salud, que establece as características e contidos de información xeral sobre os tempos de espera dos pacientes, asegurando a comparabilidade dos datos galegos cos das outras comunidades autónomas.

O conselleiro afirmou que o Sergas continúa diminuíndo os tempos de espera na actividade cirúrxica que se situou nunha media de 61,6 días a finais de 2018, o que supón unha diminución de 4,8 días respecto a decembro de 2017. O conselleiro afirmou que este dato consolida a tendencia decrecente nos últimos anos e sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica. Ademais sitúa a Galicia como unha das comunidades con esperas cirúrxicas máis baixas dentro do Sistema Nacional de Saúde que en decembro de 2017 tiña unha espera de 106 días, e en xuño do 2018 ascendía a 93 días, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade.

En canto a actividade cirúrxica, o Sergas realizou 209.718 intervencións en 2018 das que máis do 52% foron ambulatorias. Isto supón 4.441 máis que no 2017, e 4.763 intervencións programadas máis. Tamén en 2018 leváronse a cabo 5,3 millóns de consultas (137.890 máis que no 2017) situándose a espera media en 44,8 días (1,8 días menos que no ano anterior). No que se refire ás probas diagnósticas, no 2018 realizáronse 3,5 millóns de probas (49.372 mais que no ano 2017) e o tempo de espera media foi de 69,8 días (sete días menos que en 2017).

O conselleiro tamén fixo mención ao Decreto que garante os tempos máximos de atención sanitaria hospitalaria programada e non urxente de 60 días naturais para intervencións cirúrxicas, 45 días para primeiras consultas externas e 45 días para primeiras probas diagnósticas ou terapéuticas. Destacou ademais a implantación das vías rápidas, mediante as que se establece o acceso hospitalario para determinadas patoloxías graves en menos de 15 días.

Planificación asistencia no período estival

O conselleiro referiuse tamén a planificación sanitaria no período vacacional. Segundo explicou, o Sergas leva a cabo unha planificación sobre cal será a ocupación prevista de camas, tanto por ingresos médicos como por cirurxías. Para isto, elabórase un estudio que ten en conta a frecuentación das distintas áreas hospitalarias en cada área sanitaria concreta en anos anteriores.

O Sergas planifica a adecuación dos recursos tendo en conta a demanda asistencial e facendo unha estimación que atende aos datos de ocupación dos anos anteriores. No ano 2019 a previsión de camas funcionantes é de arredor do 88%, unha cifra similar a doutros anos. No período entre xuño e setembro do ano pasado, a cifra de ocupación foi do 75,77%. Ademais, como reforzo fronte a situacións excepcionais e imprevisibles, os centros hospitalarios do Sergas contan cun Plan de continxencias que permite adoptar, de xeito áxil, as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/06/2019