Ángeles Vázquez chama a incidir na educación ambiental desde a escola porque o futuro do planeta está nas mans dos nenos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visita a escola Casa do Neno para coñecer algúns dos proxectos e iniciativas que están a desenvolver neste centro compostelán relacionados coa reciclaxe e a loita contra o plástico

Lembra que o Goberno galego está a traballar na futura Lei de Residuos, coa que a comunidade pretende asumir unha posición de vangarda na loita contra o consumo de plásticos dun só uso e na recuperación deste material
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou esta mañá a importancia de fomentar e apostar pola educación ambiental desde a escola como o mellor camiño para concienciar ás novas xeracións sobre o coidado do medio natural. Así o manifestou esta mañá durante a súa visita á escola de infantil e primaria Casa do Neno, en Santiago, para coñecer de primeira man algunhas das iniciativas ambientais desenvolvidas polo centro ao longo do presente curso.

Tras interesarse por un dos seus proxectos máis recentes, E se chove, que chova, centrado na recollida selectiva de envases lixeiros e no fomento do uso axeitado do contedor amarelo, a conselleira eloxiou o nivel de “compromiso” demostrado por profesores e alumnos da Casa do Neno ata converterse, dixo, “en todo un exemplo de boas prácticas medioambientais”. “Anímovos a medrar coñecendo e respectando o voso entorno porque nas vosas mans, as dos máis novos, está o futuro do planeta”, declarou.

Nesta liña, Vázquez Mejuto incidiu en que son precisamente as novas xeracións as que teñen a oportunidade de axudar a construír un “mundo máis ecolóxico e máis verde”. Por iso, animou aos rapaces que a acompañaron durante a súa visita, un grupo de nenos e nenas de 2º de primaria, a seguir traballando desde a escola na mesma liña de investigación, aprendizaxe e coñecemento a prol do medio ambiente, e tamén desde as súas casas, concienciando a familiares e amigos sobre a importancia de interiorizar no día a día hábitos como a reciclaxe ou a protección do medio ambiente.

Nun mes marcado por dúas efemérides tan sinaladas como o Día do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos, Ángeles Vázquez tamén fixo fincapé na importancia de seguir avanzando e concienciando sobre a loita contra os plásticos, a temática central de ambas citas. Así, resaltou que é necesario modificar algúns hábitos instaurados na sociedade actual e sensibilizar sobre a importancia de non tirar lixo en calquera parte, particularmente no mar.

Con este obxectivo, lembrou que a Xunta está a traballar na Lei de Residuos de Galicia, unha norma que remitirá ao Parlamento a finais deste ano e que ten entre os seus fins principais aumentar a reciclaxe de plásticos e reducir o consumo dos produtos dun só uso.

Para logralo, a comunidade quere adiantarse incluso ás directrices comunitarias e situar á comunidade á vangarda nesta materia, para o cal o anteproxecto lexislativo inclúe medidas como a prohibición, previsiblemente a partir do ano 2020, da venda de vaixelas desbotables e de plástico, salvo que teñan un mínimo dun 50% de material biodegradable.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019