A conselleira de Política Social informou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia sobre diferentes programas de atención ás persoas maiores
Fabiola García anuncia a incorporación de seis novos concellos ao programa Xantar na casa

Súmanse a ese servicio xa implantado en 169 municipios as localidades de Moeche, San Sadurniño, Miño, Foz, Vilamartín de Valdeorras e Ribeira

Porase en marcha o programa Voluntariado Sénior, para favorecer a participación dos maiores de 55 anos en accións de promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021, entre outras

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe nunha resposta no Pleno do Parlamento de Galicia a próxima incorporación de seis concellos ao programa Xantar na casa, que na actualidade chega a 169 municipios de toda a xeografía galega e a través do cal sérvense 40.000 comidas ao mes para 1.300 persoas usuarias. En concreto, súmanse a este servicio: Moeche, San Sadurniño, Miño, Foz, Vilamartín de Valdeorras e Ribeira.

Fabiola García enmarcou a extensión do Xantar na casa no compromiso de que as galegas e galegos poidan facerse maiores como e onde desexen, dunha maneira activa e plenamente integrados na sociedade. Neste obxectivo incluíu outros avances na procura de achegar os recursos ao lugar de residencia dos maiores, como o reforzo da Axuda no Fogar, que chega a 24.000 maiores, o que fai de Galicia un referente en toda España; ou o desenvolvemento tecnolóxico da teleasistencia para convertela en teleasistencia avanzada.

A conselleira amosou a súa preocupación por dar resposta a aqueles maiores que viven sós sen desexalo, os cales poden beneficiarse da ampla oferta de tempo libre da Xunta, como son os programas de Benestar en balnearios e talasos e Xuntos polo Nadal.

Entre outras opcións para evitar as sensacións de soidade e illamento destas persoas, a partir das vindeiras semanas os galegos maiores terán á súa disposición o programa Voluntariado Sénior. Trátase de fomentar que os maiores de 55 anos se incorporen ao voluntariado en accións de promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021 ou de recuperación da cultura, arte e tradicións galegas, entre outros.

E, por último, e dirixido a dar resposta ás necesidades dos maiores que voluntariamente viven sós nos seus fogares, a Xunta ten en marcha desde o ano pasado a iniciativa Acompaño. No seu primeiro ano de actividade, 45 maiores estiveron dispostos a que unha persoa voluntaria as acompañase no seu fogar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019