A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia
A Xunta sinalará como rutas ciclistas protexidas un total de 12 treitos de estradas autonómicas

O Goberno galego prevé ter redactado este proxecto no verán para licitalo a finais de 2019 e realizar a instalación das sinais o próximo ano

Vázquez Mourelle subliña a aposta da Xunta pola seguridade viaria, xa que os Orzamentos de 2019 recollen partidas para este fin que suman 75 millóns de euros

Fai fincapé na concienciación e formación en materia de seguridade viaria e pon como exemplo a campaña “O corazón está do teu lado”, que chegará a 40 colexios

Sinala que a Xunta tamén pon o acento nos peóns e ciclistas coa previsión de distribuír entre 2018 e 2020 uns 30.000 chalecos e 3.000 cortaventos reflectores

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde salientou que a Xunta sinalizará como rutas ciclistas protexidas uns 12 treitos de estradas autonómicas.

O Goberno galego, en colaboración coa DXT e a Federación galega de ciclismo, segue a traballar neste proxecto co fin de telo redactado no verán para licitalo a finais de 2019 e realizar a instalación das sinais o próximo ano.

Vázquez Mourelle subliñou que a Xunta reflicte a súa aposta pola seguridade viaria nos orzamentos de cada ano e os do 2019 recollen distintas partidas dirixidas a este fin que suman uns 75 millóns de euros.

Fixo fincapé na aposta pola concienciación e as actividades formativas no eido da seguridade viaria, tendo en conta que os estudos amosan as distraccións co móbil, non levar posto o cinto ou o consumo de alcohol como factores dos accidentes.

Puxo como exemplo a campaña “O corazón está do teu lado”, que chegará a 40 colexios para ofrecerlles aos rapaces consellos e normas básicas de seguridade viaria, como explicarlles o importante que é empregar as sendas peonís e camiñar sempre polo lado esquerdo.

Indicou que a Xunta tamén vén poñendo o foco na seguridade dos peóns e ciclistas coa previsión de distribuír, entre 2018 e 2020, uns 30.000 chalecos reflectores para peóns e 3.000 cortaventos para os ciclistas, na liña de reiterar a importancia de que estes usuarios se deben facer máis visibles.

Esta iniciativa complementa á campaña levada a cabo o ano pasado baixo o lema “Metro e medio” cuxo obxectivo é fomentar a convivencia e o respecto entre os distintos usuarios da estrada e salvagardar a seguridade dos ciclistas ao incidir na distancia lateral mínima de seguridade, metro e medio, que se debe deixar sempre ao adiantar a un ciclista.

Concretou que os motoristas son outro colectivo vulnerable nas estradas ao que o Executivo autonómico vén amosando o seu apoio mediante os cursos gratuítos de condución segura aos que se destinan preto de 100.0000 euros.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instalou en novembro do 2018 novos sistemas de protección de motoristas nas autoestradas A Coruña- Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) para reforzar a seguridade deste colectivo.

Mellora e conservación das estradas

Ethel Vázquez explicou que a Xunta segue a traballar na mellora e conservación das estradas autonómicas, para o que se continúa co Plan de reforzos de firme co fin de acondicionar máis de 1.000 km de estradas, incrementando este exercicio a dotación deste fin ata os 21,7 millóns de euros.

Concretou que tamén está en pleno desenvolvemento a estratexia para ter eliminados en 2020 os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas grazas ao investimento de 7,9 millóns de euros en 2019. Así, xa foron sometidos a información pública 15 proxectos correspondentes a estas actuacións, se licitaron 7 obras importantes e se executaron outras 8 actuacións menores, pero significativas.

Lembrou o avance no Plan de sendas de Galicia, que supón a mellora da seguridade viaria para os peóns e ciclistas non deportivos, ao construír itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe á beira das estradas. Precisou que se levan construídos 100 km de sendas e se completarán os 170 km antes de que remate a lexislatura.

Remarcou que o Executivo autonómico foi pioneiro na implantación dun programa específico de inventariado e xestión da conservación das pontes e das obras de paso nas estradas. En maio licitouse o contrato que garantirá máis de 1.600 inspeccións en pontes e obras de paso das estradas autonómicas nos vindeiros anos, cun investimento de 1,5 millóns de euros e nos próximos meses se estenderá este labor aos muros de contención e noiros.

Suma de esforzos

A titular de Infraestruturas destacou que o Goberno galego está a facer un grande esforzo en materia de seguridade viaria que, por suposto, debe ter tamén reflexo por parte do Goberno do Estado.

Recordou que a Xunta lle propuxo en novembro ao Executivo central unha colaboración en materia de seguridade viaria, pero aínda non recibiu resposta. Concretou que se lle solicitou a colocación de bandas sonoras nas liñas brancas de bordo de carril e eixos de tramos interurbanos ou melloras en travesías das vías estatais, entre outras accións.

Nesta proposta, o Goberno galego tamén lle solicitou ao estatal a mellora da seguridade dos peregrinos en tramos das estradas estatais próximos á traza do Camiño, xunto coa adquisición de sinais luminosos que advirtan da súa presenza, ou a supresión dos treitos de concentración de accidentes nas estradas da súa titularidade.

Puxo en valor a necesidade de coordinación e de sumar esforzos, xa que a sinistralidade viaria é unha materia que require da implicación e o compromiso de todas as administracións e do conxunto da cidadanía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019