Portos de Galicia recolle 10.000 quilos de residuos dos fondos mariños de Pontecesures

Esta actuación forma parte da nova edición do plan do ente público para a limpeza de dársenas na provincia de Pontevedra

Pontecesures (Pontevedra), 12 de xuño de 2019

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, recolleu ao longo do día de hoxe arredor de 10.000 quilos de residuos dos fondos mariños do peirao do concello pontevedrés de Pontecesures. Así o comprobou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona durante as tarefas de limpeza dos fondos das instalacións portuarias.

Esta actuación é unha das previstas na nova fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve na provincia de Pontevedra nestas semanas, por sexto ano. Este plan estase desenvolvendo nas tres provincias costeiras ao igual que en anos anteriores, co obxecto de acadar peiraos máis sustentables desde o punto de vista ambiental.

A experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa, que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais. Deste xeito, explicou José Juan Durán, esta actuación mellora a seguridade nas augas interiores e impulsa a protección da fauna mariña, que se pode ver afectada pola acumulación de residuos nos fondos mariños.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto. Non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encargará destas actuacións nas dársenas está formado por entre tres e cinco mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais, as actividades estarán coordinadas en terra pola encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva.

No caso do peirao de Pontecesures, que conta con actividade pesqueira pero tamén de transporte de pasaxeiros, recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como troncos de distintos tamaños, baterías de coches, asentos de distintos vehículos e máquinas rexistradoras. Nos vindeiros días, a sexta fase do plan de limpeza de dársenas na provincia de Pontevedra terá continuidade nos peiraos de Canido (Vigo), Baiona e Pedras Negras (O Grove).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/06/2019