Máis de 62.000 pacientes benefícianse do sistema de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias

Tal e como remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, “temos unha sanidade na que o paciente é o destinatario de todas e cada unha das medidas e avances que permiten mellorar a súa calidade de vida”

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

Dende o 10 de xaneiro do pasado ano, e ata o 31 de maio do actual, un total de 62.116 pacientes téñense beneficiado da posta en marcha do Decreto 105/2017, de 28 de setembro, que regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas na nosa Comunidade. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento de Galicia, en resposta a un dos grupos da Cámara.

Deses máis de 62.000 pacientes aos que hoxe fixo referencia o conselleiro Almuiña, 15.667 foron por intervencións cirúrxicas de diagnósticos garantidos, 23.435 por consultas de vías rápidas de cancro, e 23.014 por probas diagnósticas de vías rápidas de cancro.

O máximo responsable da sanidade pública galega lembrou que o decreto que regula o sistema de garantía de tempos máximos garante un prazo máximo de espera de 60 días naturais para as intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes, 45 dias para as primeiras consultas e 45 para as primeiras probas diagnósticas.

Tal e como destacou o conselleiro, é importante sinalar que, cando dende o Sergas non se lle poida ofrecer ao cidadán a atención no tempo máximo establecido, este poderá optar por continuar na lista de espera no centro que lle corresponda ou requirir a atención garantida noutro centro acreditado da Comunidade Autónoma, ben nun centro público doutra área sanitaria, ben nun centro concertado. Nestes casos, o Sergas asumirá directamente o pagamento dos gastos derivados da intervención.

Segundo lembrou Almuiña, o antedito decreto completa o desenvolvemento da Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias e súmase aos decretos que regulan o dereito á segunda opinión médica e a libre elección de profesionais e centro hospitalario, e ao que regula o Rexistro galego de instruccións previas.

No que atinxe á segunda opinión médica, dende a entrada en vigor da norma en maio de 2015, e ata decembro do pasado ano, estimáronse, -dixo Almuiña-, 1.379 solicitudes. No que respecta á libre elección de profesionais, xa se atenderon, ata decembro do pasado ano, 398.917 solicitudes, sendo as máis numerosas as de médico de familia e persoal de enfermería de atención primaria. Por último, 8.315 persoas exerceron, ata decembro de 2018, o seu dereito a manifestar as instrucións previas.

Almuiña incidiu tamén, na súa intervención, en que “temos unha sanidade na que o paciente é o destinatario de todas e cada unha das medidas e avances que permiten mellorar a súa calidade de vida”.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/06/2019