Lete Lasa supervisa a cuberta que se está a executar na grada do campo de rugby de Acea de Ama na que a Xunta inviste 50.000 euros

Na xornada de traballo levada a cabo en Ferrol, Culleredo e A Coruña visita tamén aos equipos do Parrulo, o Real Club Deportivo de La Coruña e o Real Club Náutico

Ferrol, Culleredo e A Coruña, 12 de xuño de 2019

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hoxe o complexo deportivo de Acea da Ama para supervisar o estado do parque deportivo natural e comprobar a evolución da obra de construción da cuberta que se está a executar na grada do campo de rugby e que estará rematada nos vindeiros días. A Secretaría Xeral para o Deporte subvenciona esta actuación na súa totalidade achegando preto de 50.000 euros (48.364,89 euros).

Esta obra completa as actuacións realizadas pola Xunta de Galicia no parque natural deportivo de Acea da Ama no que, entre os anos 2017 e 2018, investiu máis de 104.000 euros destinados a reformas do campo de béisbol e sófbol e do campo de rugby, onde xoga os seus partidos o CRAT A Coruña que neste 2019 proclamouse de novo campión da Liga Iberdrola de Rugby.

Do mesmo xeito e tal e como fixera no Parlamento de Galicia hai unha semana, o secretario xeral para o Deporte anunciou novos investimentos para continuar na liña de mellora e optimización do complexo deportivo.

Momentos antes da súa visita ao complexo de Acea da Ama, o mandatario galego mantivo na cidade de Ferrol un encontro co equipo do Parrulo Ferrol FS que vén de pechar unha brillante tempada mantendo a categoría na División de Honor da Liga Nacional de Fútbol Sala.

Ao rematar a visita a Acea de Ama, o titular da carteira deportiva autonómica, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo un encontro de traballo na sede social do Real Club Deportivo de La Coruña ao que lle desexou “moito éxito” de cara a fase de ascenso que comeza hoxe mesmo para regresar a Primeira División. Nesta visita, o secretario xeral reuniuse tamén con Nuria Rábano, xogadora compostelá que conta cun gran palmarés internacional e que vén de ascender co Dépor ABANCA á primeira división do fútbol feminino.

Por último, o titular do deporte galego e o delegado territorial visitaron as instalacións do Real Club Náutico da Coruña. Alí, Lete Lasa destacou o gran momento que atravesa a vela galega e destacou ao club coruñés como un dos principais responsables destes éxitos, que dixo, “de seguro levarán moitos regatistas cara Toquio”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019