A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia
Ethel Vázquez avanza que a Xunta impulsará a Variante de Carballo en dúas fases coa fin de facilitar un investimento que supera os 25 millóns de euros

Vázquez Mourelle anuncia unha partida específica para esta infraestrutura nos orzamentos de 2020

Informa que se prevé a división en dous treitos, desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela, e o outro dende esa estrada ata o leste da vila

Subliña que pese aos atrancos políticos da oposición para materializar os primeiros 27 km da actual autovía da Costa da Morte, a Xunta ten previsto darlle continuidade cun novo treito de 5,5 km para achegar aos veciños de Vimianzo e Camariñas

Avanza o investimento dun millón de euros para executar unha senda de 2,5 km na estrada de Coristanco e que pronto sairá a información pública

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde salientou o compromiso da Xunta de cara a impulsar a Variante de Carballo, dividindo a súa execución en dous treitos, cun investimento autonómico de máis de 25 millóns de euros.

Vázquez Mourelle adiantou a reserva dunha partida específica e concreta para a Variante do Carballo nos orzamentos da Xunta de 2020, e explicou que para avanzar nesta infraestrutura se proxecta unha actuación dende o oeste de Carballo ata a estrada provincial que leva a Compostela, e que suporá un investimento superior aos 10 millóns de euros, e outra intervención dende esa estrada ata o leste da vila, de máis de 15 millóns. Infraestrutura que, tal e como resaltou, a Xunta vai a afrontar con seriedade, falando co alcalde, e etapa a etapa.

A conselleira sinalou que Carballo e toda a Costa da Morte é unha zona prioritaria na acción deste Goberno, e asegurou que a Xunta vai a seguir traballando con responsabilidade e, especificamente en materia de estradas e mobilidade, dixo.

Explicou tamén o que a Xunta ten previsto dar continuidade ao actual tramo da Autovía da Costa da Morte, entre Carballo e Santa Irena, coa construción dun novo treito de 5,5 km para achegar aos veciños de Vimianzo e Camariñas. E aquí lembrou como a Xunta foi quen de por en servizo os 27 km de autovía libres de peaxe dende Carballo cara ao resto da Costa da Morte, en plena crise económica, e cos políticos da oposición torpedeándoa.

Referiuse ademais a outros proxectos de investimento de futuro inmediato por parte do departamento que dirixe, como a senda de 2,5 km proxectada na estrada de Coristanco, cun investimento autonómico dun millón de euros que xa está orzamentado e que pronto sairá a información pública.

Ethel Vázquez avanzou tamén a iniciativa impulsada desde Xunta para ampliar as bonificacións aos usuarios da autoestrada de Carballo á Coruña, que pronto permitirá bonificar nun 50% o prezo da peaxe en horario nocturno.

Na súa intervención, a conselleira tamén fixo un detallado repaso polos actuacións levadas a cabo polo Goberno actual da Xunta, que permitiron a inclusión de Carballo no transporte Metropolitano, o maior plan social de transporte posto en marcha en Galicia ata hoxe, favorecendo que os menores de 19 anos de Carballo se movan en autobús polo seu concello e incluso ata Arteixo e A Coruña de forma gratuíta.

Ethel Vázquez falou tamén das actuais bonificacións para a autoestrada A Coruña-Carballo postas en marcha pola Xunta, e referiuse ao investimento de preto dun millón de euros para mellorar a seguridade viaria e conectar cunha senda o polígono de Bértoa, en Carballo, ademais das melloras na estación de autobuses e dos investimentos na conservación de estradas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019