Galicia Escena PRO pecha a súa sétima edición tras amosar 20 espectáculos e propiciar máis de 120 reunións personalizadas

As compañías galegas A Xanela do Maxín, Redrum, Malasombra e Contraproducións actúan mañá en Santiago na última xornada do mercado galego das artes escénicas, que incluirá a presentación de 10 proxectos en formato ‘pitching’

O apartado de ‘networking’ reforzouse este ano cos Cafescena, as Noitescena PRO e a figura do facilitador, quen impulsou e coordinou a axenda de xuntanzas entre os máis de 150 axentes culturais acreditados
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

O mercado Galicia Escena PRO 2019 chegará mañá ao seu fin tras catro intensas xornadas de actividade arredor da exhibición de 20 espectáculos de teatro e danza e do intercambio entre os máis de 150 axentes culturais acreditados na súa sétima edición, que se desenvolve desde o pasado luns en diferentes espazos de Santiago de Compostela.

En concreto, o evento que organizan a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a asociación empresarial Escena Galega reforzou este ano o seu apartado de networking co desenvolvemento de novas iniciativas como os Cafescena, as Noitescena PRO e a figura do facilitador, quen propiciou e coordinou unha axenda de máis de 120 reunións personalizadas entre os programadores de teatros, auditorios e festivais convidados e os representantes de compañías e empresas distribuidoras.

Catro últimas representacións

A carteleira desta última xornada ofrece catro propostas galegas a cargo de A Xanela do Maxín, Redrum Teatro, Malasombra Producións e Contraproducións, ás que o público poderá acceder de xeito gratuíto en función das localidades dispoñibles. Os convites poderán retirarse no espazo correspondente desde unha hora antes do inicio do espectáculo.

A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza é o título da montaxe que A Xanela do Maxín representará ás 11,00 h. na Fundación SGAE. Celtia Figueiras encargouse da dirección e da adaptación deste popular libro infantil do alemán Werner Holzwarth, que leva ás táboas xunto con Luis Vallecillo e Pablo P. Sanmamed.

Xa pola tarde, o Auditorio Abanca acollerá ás 17,30 h. Idiota, de Redrum Teatro, con Machi Salgado e Susana Sampedro como dúo actoral. Álex Sampayo dirixe esta versión da obra de Jordi Casanovas, que desenvolve un xogo divertido, negro e cheo de suspense arredor dunhas supostas probas psicolóxicas remuneradas.

A penúltima representación de Galicia Escena PRO chegará da man de Malasombra Producións, que se afasta da súa liña más cómica para lle presentar ao público Bernarda, un texto escrito e dirixido por José Prieto, coa coñecida obra de García Lorca como inspiración. Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja interpretan unha viúva e as súas dúas fillas mozas nunha vila de Galicia a mediados dos anos setenta. A función terá lugar ás 19,30 h. no Teatro Principal

Pechará a programación Contraproducións, coa posta en escena de A compañeira de piso ás 22,30 h. no Salón Teatro. Belén Pichel e Cándido Pazó comparten a dirección desta comedia negra na que as actrices Patricia Vázquez e Rebeca Montero son dúas mulleres de máis de cincuenta anos que, por diferentes circunstancias, se ven obrigadas a reconducir xuntas o tren das súas vidas descarriladas.

A escena que vén

Nesta última xornada do mercado, celebrarase tamén a xa habitual sesión de 10 presentacións en formato pitching, que estará conducida por Iria Pinheiro: C’est pas Possible! de Sempre Arriba, Carabela de Galeatro, Clausura do amor de Cámara Negra Teatro, Dreaming Juliet de Elefante Elegante, Illas desertas de ArtesaCía, Lixo de O Baúl da Tía Tola, Nun cuarto da rotonda de Acusmaser Opus, O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro, Os nenos da varíola de Pérez&Fernández e Todas as marabillas do mundo de Producións Dispersas e Voa, voa! de Talía Teatro. A cita será ás 12,15 h. na Fundación SGAE, onde os programadores acreditados terán a oportunidade de coñecer de primeira man un adianto do que están a preparar as compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.

Mañá darase continuidade, así mesmo, ás accións de networking coas últimas reunións xestionadas polo facilitador e dúas novas oportunidades para o debate e a reflexión. A primeira delas deseñouse como unha mesa de traballo que, baixo o título Cara a unha escena plural, terá lugar ás 10,00 h. no salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal. Sabela Mendoza e Caterina Varela coordinan esta actividade, a través da que se analizará a circulación dos espectáculos de danza e de creación contemporánea nos espazos escénicos galegos.

A segunda corresponde ao último dos Cafescena desta edición, no que se abordará o papel das asociacións profesionais na xestión de feiras e festivais coas intervencións de Carlos Martín, codirector artístico do festival ZGZ Escena de Zaragoza; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; e Salvador Sanz, da Secretaría de MADferia, e con Juan Rodríguez, tamén de Escena Galega, como moderador. Celebrarase ás 16,00 h. no Hotel Costa Vella ou, en caso de chuvia, no Centro Obra Social Abanca, onde este ano se instalou a oficina de coordinación e información de Galicia Escena PRO.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/06/2019