Ángeles Vázquez entrega os diplomas do primeiro curso de guías ambientais das Illas Atlánticas para persoas con discapacidade

Oito membros da Asociación BATA de Vilagarcía, dedicada á atención do trastorno do espectro autista, acaban de completar catro meses de formación para poder exercer profesionalmente no arquipélago como auxiliares de guía e informadores

Durante unha visita á illa de Cortegada, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en valor o compromiso e a aposta do Parque Nacional pola educación medioambiental e a integración das persoas con diversidade funcional

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 15 de xuño de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregou esta mañá os diplomas que acreditan como guías-educadores ambientais do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a oito membros da Asociación BATA de Vilagarcía. Trátase do primeiro curso deste tipo dirixido especificamente a persoas de espectro autista e/ou con discapacidade intelectual, unha experiencia “piloto” que se desenvolveu durante os últimos catro meses.

Tal e como explicou a conselleira, os participantes realizaron parte do curso no edificio Cambón do Parque Nacional en Vigo, onde recibiron formación teórica, e tamén se desprazaron en varias ocasión á illa de Cortegada, para completar a parte práctica.

Grazas a este curso, que contou cun orzamento de 6.000 euros, os oito novos guías-educadores pertencentes a BATA tiveron ocasión de desenvolver os seus intereses e vocacións relacionados coa educación ambiental e a conservación do medio natural, así como adquirir novas competencias para poder exercer unha actividade profesional como auxiliares de guía e informadores ambientais no arquipélago.

Tras a entrega de diplomas, Ángeles Vázquez tivo ocasión de coñecer parte do traballo que está a realizar en Cortegada a Asociación BATA de Vilagarcía, unha entidade que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno do espectro autista e das súas familias desde hai 30 anos. Así, explicou que BATA leva moito tempo colaborando coa dirección do Parque Nacional tanto en labores de prevención da contaminación por plásticos no mar, como actuando como divulgadores da necesidade de preservar o medio natural.

Por iso, a conselleira subliñou a importancia de contar con apoios como o desta entidade, que realiza un “labor imprescindible” para garantir a conservación do noso patrimonio natural, como demostran os últimos traballos de mantemento acometidos en Cortegada e que incluíron desbroces, retirada de residuos ou melloras en camiños. Na mesma liña, Vázquez Mejuto puxo en valor a aposta decidida que desde hai anos fai o Parque Nacional pola educación ambiental e a integración das persoas con diversidade funcional, un compromiso que aspira a reforzar no futuro con medidas como este curso formativo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/06/2019