A Xunta colabora con 14 pemes da industria forestal dedicadas á segunda transformación que mobilizarán máis de 5M€ para mellorar os seus procesos produtivos

Este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase dentro da Axenda de impulso da industria forestal, que busca incrementar a demanda do uso da madeira en eidos como a nova construción e favorecer así o desenvolvemento da bioeconomía

Xera concede estas axudas para que pemes e micropemes poidan aumentar a súa produtividade e implanten técnicas coas que obter novos produtos ou produtos valorizados

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), vén de aprobar a resolución da liña de axudas convocada para que o tecido empresarial galego poida desenvolver novas iniciativas que lle permitan mellorar os procesos produtivos vinculados á segunda transformación da madeira. En concreto, apoiaranse 14 proxectos que mobilizará máis de 5 millóns de euros.

A Xunta busca con esta iniciativa, que cumpre a súa segunda edición, xerar valor nos procesos industriais de pemes e micropemes que realicen segunda transformación, carpinterías, moblerías e empresas do sector contract que utilicen como materia prima a madeira. As 14 solicitudes aprobadas recibirán de Xera un apoio por valor de preto de 1,9 millóns de euros. Os proxectos desenvólvense nas catro provincias galegas (seis na Coruña, tres en Lugo e en Pontevedra, e dous en Ourense) e corresponden a 10 serradoiros, tres carpinterías e unha fábrica de biomasa. Neste último caso, Ecowarm de Galicia obtén unha axuda de 137.070 euros para realizar melloras na xestión da súa planta de Brión (A Coruña) a través da utilización de novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial.

A axuda máxima á que podían concorrer as solicitudes era de 200.000 euros por beneficiario, cifra que nesta ocasión alcanzan, por exemplo, Serrerías Rodríguez, en Valga (Pontevedra), para instalar unha liña de canteado automático, e o proxecto de Maderas Besteiro, en Lugo, para a incorporación de nova maquinaria aos seus procesos produtivos.

En definitiva, os proxectos seleccionados terán como obxectivo aumentar a produtividade; a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados, ou a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

Axenda de impulso da industria forestal

Este programa de axudas de Xera para a segunda transformación está incluído dentro da Axenda de impulso da industria forestal 2019-2021, a nova ferramenta da Xunta coa que busca favorecer a modernización deste tecido empresarial, atender as demandas actuais e contribuír á construción dunha sociedade saudable, baixa en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais. Polo tanto, trátase de conseguir que se incremente a demanda do uso da madeira e os produtos forestais, actuando así como elementos centrais de impulso á bioeconomía.

Neste sentido, a Axenda nace da participación activa do tecido asociativo para a identificación de retos e tendencias e o deseño de accións que permitan xerar un maior valor na cadea monte-industria, entre as que se encontra promover desde a Administración autonómica o emprego da madeira en novos equipamentos públicos, servindo así de construcións exemplares para impulsar o seu uso.

Data de actualización: 16/06/2019