Enmárcanse no plan de obras da Consellería de Política Social e financiaranse con cargo ao superávit autonómico de 2018
A Xunta mellorará o illamento térmico do centro ocupacional de O Saiar e da residencia de maiores de A Estrada

Investirá 420.000 euros no centro emprazado en Caldas de Reis e 150.000 euros no equipamento de Tabeirós-Terra de Montes

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2019

A Xunta de Galicia mellorará o illamento, entre outros aspectos, do centro ocupacional de O Saiar, en Caldas de Reis, e o da residencia de maiores de A Estrada. Destinará 420.000 euros ás remodelacións do primeiro centro e 150.000 euros ao equipamento da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Ámbalas actuacións se financiarán con cargo ao superávit autonómico de 2018.

En concreto, no centro ocupacional emprazado en Caldas de Reis, ademais das melloras no illamento térmico, tamén se realizará unha substitución das carpinterías. Pola súa banda, no centro residencial de A Estrada, a actuación completarase con melloras lumínicas.

A posta en marcha destas obras teñen entre os seus obxectivos aumentar a eficiencia enerxética, algo que beneficiará ao medio ambiente e permitirá reducir o gasto necesario para manter o inmoble a unha temperatura óptima.

Outras actuacións na provincia

En total serán oito os centros dependentes da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra que se beneficiarán deste plan de obras. Ademais destes dous, tamén se acometerá obras en catro instalacións da comarca de Vigo: unha reforma integral na residencia xuvenil Altamar, mellora da instalación de auga quente na residencia de tempo libre de Panxón, renovación da cociña do Centro Residencial de Atención a Persoas con Discapacidade (CPRD) de Vigo e o acondicionamento da fachada e do interior do centro sociocomunitario O Calvario. En Pontevedra cidade acometerase unha reforma integral no Centro de Menores Avelino Montero e na residencia de maiores de Campolongo

No conxunto de Galicia hai proxectadas intervencións de reforma e modernización en 34 centros de benestar social, por un montante global de 13,7 millóns de euros e que beneficiarán ás máis de 50.000 persoas que son usuarias dos mesmos. A previsión é que as obras comecen neste 2019, aínda que as de maior calado poderían rematarse no próximo 2020.

Data de actualización: 16/06/2019