Publicada a resolución definitiva do Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia que neste ano 2019 sobe un 37% ata chegar aos 3,3 millóns de euros

Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados (85) volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%

Santiago, 14 de xuño de 2019

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar a resolución definitiva do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia que neste ano 2019 ascende ata os 3.332.219 euros, un 37% con respecto a 2018 cando se outorgaron 2.420.000 euros. Este importe total está confinanciado entre a Xunta de Galicia e ABANCA.

En total vense beneficiados nesta convocatoria un total de 191 equipos, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Destes 191 equipos que finalmente asinarán os convenios (foron invitados ao programa un total de 213), 100 son equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%.

Como novidades do Plan, cómpre destacar a simplificación administrativa que supón unha axilización nos pagos que pasan de tres a dous, así como a creación dun grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas con equipos en campionatos de España de máximo nivel (karate, loita, natación e ximnasia) e a ampliación dos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas (fútbol e baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino).

Data de actualización: 14/06/2019