A EOXI de Pontevedra e o Salnés defende a transparencia administrativa e avaliadora dos procesos para seleccionar as xefaturas de servizo
Pontevedra, martes 25 de xuño de 2019

A EOXI de Pontevedra e O Salnés defende a transparencia administrativa e avaliadora dos procesos para seleccionar as xefaturas de servizo. O procedemento para cubrir unha xefatura de servizo baséase en que os candidatos presenten un proxecto ante unha comisión de avaliación. Dito proxecto contén as liñas de traballo e obxectivos asistenciais, docentes e de investigación que cada candidato propón para os catro anos seguintes.

Este procedemento está establecido na Orde de 6 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal licenciado sanitario do SERGAS.

En semanas pasadas, a EOXI de Pontevedra e O Salnés procedeu á reavaliación das xefaturas dos Servizos de Cardioloxía e Pneumoloxía. Ambas Comisións de reavaliación estiveron presididas pola máxima responsable da área asistencial desta Xerencia.

Na de Cardioloxía participaron ademais, dous xefes de servizo desta Especialidade procedentes doutras Xerencias sanitarias e un xefe de servizo e unha xefa de sección do CHUP con relación asistencial directa coa Cardioloxía.

No que atinxe á comisión avaliadora de Pneumoloxía, participaron ademais dun xefe de servizo de Pneumoloxía doutra Xerencia sanitaria, dous xefes de servizo e un xefe de sección do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tamén con relación asistencial directa coa Pneumoloxía.

O procedemento consta de dúas fases: unha primeira, onde se avalía o proxecto co que cada profesional asumiu a Xefatura de Servizo, revisando a consecución dos obxectivos establecidos. E unha segunda fase, onde se presenta un novo proxecto cos obxectivos para os vindeiros catro anos.

Ningunha de ambas fases foi superada neste proceso por ningún de ambos xefes de servizo.
 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 25/06/2019