O Plan de formación para o persoal antiincendios da Xunta está xa en marcha con 272 accións que superarán os 7.000 alumnos

A Consellería do Medio Rural desenvolverá 15 cursos diferentes especializados segundo o posto laboral do que se trate

O custo deste plan supera os 181.000 euros só este ano e dáse así cumprimento a unha das recomendacións do ditame da comisión forestal do Parlamento
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.- A Consellería do Medio Rural xa comezou o plan de formación 2019 do persoal da Dirección Xeral de Defensa do Monte, é dicir, dos profesionais que se encargan da prevención e extinción de incendios forestais. Tal e como contempla o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), trátase de 15 cursos diferentes adaptados e enfocados a cada posto laboral. Na maioría dos casos haberá varias edicións destes cursos para chegar a todos os especialistas e por iso, en total, falamos de 272 accións formativas para 7.142 alumnos (a maioría do persoal recibirá dous cursos).

Algún dos cursos é xenérico no seu contido e, polo tanto, dirixido a varias ou a todas as categorías profesionais, pero o plan está fundamentalmente estruturado e diferenciado segundo as categorías do persoal da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Así, hai cursos específicos dirixidos a bombeiros forestais condutores de motobomba, emisoristas, bombeiros forestais xefes de brigada, directores técnicos de extinción, etc.

Algúns destes ciclos xa remataron, como os relacionados coa seguridade dos traballadores. Celebráronse ata 51 edicións do curso de riscos laborais para máis de 2.000 traballadores (funcionarios, persoal laboral fixo e fixo descontinuo) e outros cinco de actualización en materia de procedementos e seguridade en incendios forestais dirixidos a brigadas helitransportadas e directores técnicos de extinción de nova incorporación. Está en marcha ademais este mesmo ciclo (dividido en 67 edicións) dirixido a bombeiros forestais de todas as categorías e de novo ingreso (máis de 1.600 persoas).

Tamén se desenvolverán cursos de primeiros auxilios, de grandes incendios forestais e de condución e manexo de motobombas e todoterreos para bombeiros e xefes de brigada. Este último tamén será para axentes forestais e facultativos medioambientais e para o colectivo de enxeñeiros e técnicos. Precisamente, os enxeñeiros, técnicos e axentes, recibirán tamén un ciclo específico sobre as novidades da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, neste caso de carácter telemático.

Mediante o plan de formación do persoal, a Consellería do Medio Rural pretende actualizar a formación en materia de prevención de riscos laborais e en materia de procedementos de seguridade en incendios, así como formar ao persoal de recente ou inmediata incorporación, coa finalidade de contar cun servizo o máis profesionalizado posible. O custo deste plan supera os 181.000 euros durante a anualidade de 2019 e dáse así cumprimento a unha das recomendacións do ditame da comisión forestal.

Segundo a tipoloxía dos cursos, as entidades acreditadoras son a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e a mutua do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/06/2019