A Xunta publicará no DOG a próxima semana as axudas do Bono Autónomo con apoios de ata 3000€ para a mellora da competitividade

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ourense na clausura da asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia-Federación Galega de Transportes (Apetamcor)

Sinalou que o Bono Autónomo apoiará servizos e investimentos dos traballadores por conta propia que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses

Galicia Emprega apoia a contratación das mulleres, os parados de longa duración, os mozos e mozas e as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social

A primeira Estratexia de economía social está a impulsar 25 medidas ata 2021 co obxectivo de xerar 3000 empregos e 300 novas entidades

Ourense, 29 de xuño de 2019

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ourense na clausura da asemblea xeral da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia - Federación Galega de Transportes (Apetamcor), onde expuxo as principais liñas de axudas coas que conta a Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar este sector. De feito, Apetamcor aproveitou a xuntanza para recoñecer o apoio de Emprego ás iniciativas propostas pola organización para axudar ao sector do transporte de mercadorías por estrada.

Así, Toca avanzou, en primeiro lugar, que a vindeira semana –previsiblemente o próximo martes- sairá publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas do Bono Autónomo, que a Xunta vén de aprobar por terceiro ano consecutivo con axudas de ata 3000 euros para apoiar servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia que contan cunha antigüidade superior aos 42 meses. A Administración autonómica prevé beneficiar a 1300 traballadores a través dun orzamento que alcanza os catro millóns de euros, un máis que ao longo do pasado exercicio.

A actuación conta con dúas liñas de axudas para mellorar a competitividade dos autónomos. Apoiarase, dunha banda, o desenvolvemento de servizos destinados á investigación de mercado e plans de marketing, comunicación, estratexia, crecemento, comunicación, refinanceamento ou reorientación do negocio, así como os dirixidos ao uso das novas tecnoloxías. Tamén se poderán aprobar axudas para outros estudos ou plans que teñan como fin incrementar a competitividade da actividade empresarial.

Financiarase, doutro lado, investimentos relacionados coa compra de maquinaria, ferramentas, equipos informáticos ou rótulos; coa reforma do local; a posta en marcha de aplicacións informáticas e páxinas web ou a creación de logotipos do negocio. Este ano tamén financiarase como novidade a adquisición de mobiliario.

A iniciativa forma parte da Estratexia Autónomo 2020, que inclúe iniciativas baseadas no diálogo con este sector estratéxico para Galicia co obxectivo de impulsar o seu crecemento, a súa consolidación e a súa competitividade. Neste intre, ademais do Bono autónomo, destacan outras liñas de actuación como a Oficina do autónomo ou as axudas para a conciliación, o inicio de actividade, a contratación de ata tres asalariados e os apoios ás asociacións de autónomos. Nestas iniciativas investíronse o pasado ano máis de 24 millóns de euros, o que permitiu favorecer o labor de 6555 traballadores por conta propia.

Economía social

A secretaria xeral lembrou, así mesmo, que a Administración Autonómica está executando a primeira Estratexia de economía social que impulsará 25 medidas ata 2021 co obxectivo de xerar 3000 empregos e 300 novas entidades, sumando capacidades -a través da promoción de emprendemento entre mulleres, mocidade e o rural galego e a súa difusión entre o alumnado-, sustentabilidade e identidade para darlle unha maior visibilidade.

Apoios á contratación e á formación

Toca explicou tamén que a Administración autonómica, a través da Axenda 20, ten en marcha diferentes programas para apoiar a contratación en Galicia.

Galicia Emprega, que xa está en marcha, apoia a formación e a contratación de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, impulsando, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, dando, así, resposta a un dos retos principais da Axenda 20.

Galicia Emprega conta cun orzamento de 9,4 millóns de euros -un 9% máis que en 2018- para fomentar o traballo na Comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Neste sentido, son catro programas que apoian a contratación dual: Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. Deste xeito, por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2019