A Xunta facilita a implantación de plans de mellora competitiva das pemes a través de solucións TIC

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das accións do programa ReAcciona TIC, apoia a dixitalización de 48 pemes coa implantación de 51 servizos 4.0 a través das tres primeiras convocatorias do 2019

Mediante esa iniciativa, que achegou máis de 230.000 euros durante este ano, búscase optimizar a modernización e innovación tecnolóxica do tecido empresarial

O Goberno galego, mediante os programas ReAcciona e ReAcciona TIC, concedeu durante o ano pasado axudas por 1,9 millóns de euros para impulsar máis de 500 servizos de mellora en empresas galegas

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou, a través das tres primeiras convocatorias de 2019 das accións do programa ReAcciona TIC, a mellora competitiva de 48 compañías coa implantación de 51 servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións da Industria 4.0. En total, ao longo deste ano concedéronse axudas por 232.042 euros.

En 2019 activáronse en total catro convocatorias deste programa desenvolto polo Igape. A última vén de pechar o prazo de solicitudes o pasado día 20 de xuño e falta por coñecer a súa resolución.

Esta iniciativa, cofinanciada ao 80% con fondos Feder, oferta servizos que inclúen a diagnose das necesidades de cada empresa para a implantación das tecnoloxías dixitais, o acompañamento e apoio na posta en marcha de proxectos Industria 4.0 ou a exploración de novas oportunidades de negocio vinculadas a esta industria, así como a xeración de modelos e simulacións industriais para optimizar os procesos de produción.

A través dos programas ReAcciona TIC e ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión de empresas, para ao seu crecemento e internacionalización, a Xunta reafirma o seu compromiso co desenvolvemento da capacidade competitiva das pemes galegas en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico.

Das pemes beneficiarias nas tres convocatorias aprobadas no que vai de ano, o 74% acollerase ao servizo de diagnóstico e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0; un 16% recibirá acompañamento para desenvolver esas solucións e o 10% restante disporá de apoio para a xeración dun modelo industrial propio e a súa correspondente simulación.

A mellora do posicionamento nos mercados das empresas galegas mediante as TIC é un dos obxectivos da Axenda Industria 4.0, posta en marcha pola Xunta en 2015, e que se converteu na folla de ruta do Goberno galego para acadar un novo modelo industrial máis competitivo e cunha maior proxección exterior.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2019