Medio Rural incorporará automaticamente como parroquias priorizadas no convenio de protección das aldeas aquelas que sufran unha Situación 2 no presente exercicio

Estes núcleos de poboación non terán que esperar á nova priorización anual de parroquias para poder empezar a traballar nelas

O primeiro beneficiario deste cambio é o concello de Rianxo, que incorpora como parroquias priorizadas no convenio as de Leiro e Isorna

Así se decidiu na comisión de seguimento do convenio de protección das aldeas, entre representantes da Xunta e da Fegamp

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2019

A Consellería do Medio Rural acaba de aprobar, no seo da comisión de seguimento do convenio de protección das aldeas, a incorporación de xeito automático como parroquias priorizadas neste convenio de xestión de biomasa todas aquelas nas que se active unha Situación 2 por perigo de lumes forestais nos núcleos de poboación. Deste xeito, estas parroquias non terán que esperar á nova priorización anual de parroquias para poder empezar a traballar nelas ao abeiro do convenio.

Neste senso, o primeiro concello que se beneficia deste novo cambio é o coruñés de Rianxo, ao incorporar como parroquias priorizadas ao convenio as de Leiro e Isorna, que sufriron unha Situación 2 o pasado mes de marzo. Este novo cambio permite traballar dende o primeiro momento na limpeza das faixas secundarias para dar así protección aos núcleos de poboación. Polo tanto, a día de hoxe, no convenio de protección das aldeas hai un total de 70 parroquias priorizadas de 35 concellos galegos.

Nesta xuntanza de traballo, presidida polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, tamén se actualizou a relación dos concellos adheridos a este convenio de xestión da biomasa en faixas secundarias. Así, pasouse de 177 municipios iniciais a 204, estando aberto o prazo para poder solicitar a adhesión.

O director xeral tamén subliñou que a consellería xa facilitou 97 plans municipais antiincendios aos concellos para que poidan cumprir coas súas obrigas en materia de prevención e extinción de incendios forestais. Xunto con estes plans, matizou Fernández-Couto, tamén se lles proporcionou aos concellos o enlace coa clave de acceso ao visor para que identifiquen aos propietarios das parcelas e controlar así o cumprimento das obrigas dos particulares en materia de xestión de biomasa.

Data de actualización: 29/06/2019