A tempada de alto risco de incendios comeza mañá co novo teléfono de denuncias de condutas incendiarias operativo e coa prohibición das queimas

Este período abrangue dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro

O número para dar conta de condutas incendiarias de xeito anónimo e gratuíto é o 900 815 085

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2019

A campaña de alto risco de incendios forestais comeza mañá en Galicia, luns 1 de xullo, e estenderase ata o 30 de setembro. Isto supón a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais. Esta prohibición poderíase prolongar dependendo das condicións meteorolóxicas do momento.

Ademais, como novidade, xa está operativo o número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085. A Xunta pide á sociedade galega en xeral que manteña o seu compromiso na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas a través deste servizo ou directamente comunicando este tipo de condutas delituosas ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A maiores, o Goberno galego lembra que tamén está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Failles tamén unha chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

O período de alto risco determínase por parte da Consellería do Medio Rural, atendendo aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais na nosa comunidade e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume.

Así, a partir de mañá refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2019. Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos. Todos estes efectivos humanos e materiais iranse incorporando de xeito progresivo.

Cómpre sinalar, así mesmo, que a época variable de incendios comprende tamén os meses de xuño e outubro, ademais dos de febreiro, marzo e abril. De aí que se reforcen eses dous meses con persoal fixo-descontinuo, que o pasado ano traballou 4 meses e que neste 2019 aumentará o seu despregue ata os 5 meses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2019