A Xunta destaca o seu impulso á industria da madeira na construción e a súa aposta polo sector contract como líder en deseño

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Santiago de Compostela no congreso Lignomad que se celebrará ata o próximo 3 de xullo

Sinala a importancia da transferencia do coñecemento dos profesionais ás empresas da industria forestal

A Axenda de Impulso da Industria Forestal prevé mobilizar 125M€, apoiar 350 pemes e formar 5.600 persoas ata 2021 promovendo o uso da madeira e dos seus derivados na construción, nos sectores estratéxicos e nos eidos enerxético e da saúde
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2019

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, destacou hoxe, no congreso Lignomad que se celebrará en Santiago de Compostela ata o próximo 3 de xullo, o impulso da Xunta á industria da madeira apostando, entre outros, polo sector contract como líder en deseño e interiores.

Lema, que agradeceu na súa intervención á rede Lignomad ter escollido Santiago como cidade para desenvolver a segunda edición do seu congreso, indicou a aposta que está a facer a Administración autonómica por recuperar e impulsar a utilización da madeira no sector da construción.

Neste senso, referiuse a algunhas actuacións singulares que se levaron a cabo neste ámbito como son a escola infantil da Baiuca, na Estrada, a próxima construción de tres centros de saúde na Laracha, no Porriño e en Ourense e a instalación en madeira das fiestras do edificio administrativo de San Caetano. Tamén puxo en valor as colaboración tanto coa Universidade de Vigo como coa Fundación da Catedral de Santiago de Compostela nos seus labores de restauración.

O director de Xera afirmou que a Axenda de Impulso da Industria Forestal, que vén de aprobar o Consello da Xunta, agarda mobilizar máis de 125 millóns de euros, apoiar 350 pemes e formar 5.600 persoas ata 2021, promovendo o uso de madeira e dos seus derivados tanto na construción, como nos sectores estratéxicos ou no eido enerxético e da saúde.

Así mesmo, indicou a importancia do intercambio do coñecemento entre profesionais desta industria e a súa transferencia ás empresas. Así, sinalou a necesidade de organizar congresos como o de Lignomad no que están a participar profesionais recoñecidos nesta materia e empresas da industria.

O congreso, impulsado pola rede Lignomad, ten como obxectivo fomentar o avance na investigación e no intercambio de coñecementos e experiencias; promover o aproveitamento dos recursos renovables locais no sector da construción e dinamizar e promover a construción sostible en xeral.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/07/2019