O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na xornada de cooperativismo lácteo da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca)
A Xunta promove a mobilización de terras agrarias para mellorar a base territorial das explotacións

Miguel Pérez Dubois sinalou que coa posta en valor dos terreos trátase tamén de facilitar a volta á produción de terreos con boa capacidade produtiva en estado de abandono ou infrautilización

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019

A Xunta aposta pola mobilización de terras para dotar ás explotacións de máis base territorial e, en xeral, para facilitar a volta á produción de terreos con boa capacidade produtiva en estado de abandono ou infrautilización.

Para impulsar estes procesos, o Goberno galego puxo en marcha diferentes ferramentas, como son a concentración e as reestruturacións parcelarias, as Sofor (para fomentar a agrupación da propiedade forestal) ou diferentes medidas relacionadas coa posta en valor de terras. Entre elas, salienta a futura Lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias, actualmente en elaboración.

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, explicou hoxe todas estas iniciativas na xornada de desenvolvemento do cooperativismo lácteo galego, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Así, Pérez Dubois lembrou que a concentración parcelaria é un procedemento administrativo que ten como finalidade a agrupación das parcelas de carácter rústico para a mellora da base territorial das explotacións.

O director xeral tamén sinalou que a devandita Lei de recuperación nace co fin de promover a recuperación produtiva das terras, loitar contra o seu abandono e facilitar a ordenación dos predios, mediante a súa identificación cartográfica e o control dos seus usos, especialmente nas áreas con especiais valores produtivos.

Pérez Dubois explicou ademais outras finalidades da Xunta no eido da mobilización das terras, que teñen que ver co mantemento da poboación vencellada á actividade agroforestal ou co recoñecemento do papel da muller en condicións de igualdade, así como co fomento da remuda xeracional no agro e a defensa do medio ambiente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/07/2019