A Xunta defende a importancia de promover o uso da madeira local para facer da industria forestal a panca da bioeconomía en Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo director delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe en Boqueixón á presentación da Fundación Arume
 

A Administración autonómica confía en que a nova asociación comparta o compromiso de dar valor á madeira de piñeiro galego a través da mellora xenética, a silvicultura, a formación e o mercado

O Goberno galego, a través da Axenda de impulso da industria forestal, está traballando para prestixiar este tecido empresarial

A industria forestal en Galicia conta co mellor rexistro da última década cunha facturación de 2200 millóns de euros
 

Boqueixón (A Coruña), 4 de xullo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Boqueixón no acto de presentación da Fundación Arume que aglutina a todas as asociacións da cadea de valor demostrando a unión de todo o sector e un compromiso que comparte a Xunta: dar valor á madeira de piñeiro galego a través da mellora xenética, a silvicultura, a formación e o mercado. O obxectivo é impulsar o uso da madeira local para facer da industria forestal a panca da bioeconomía en Galicia. Nese senso, a Administración autonómica aposta polo uso de recursos autóctonos, como é a madeira local, na construción e rehabilitación.

De feito, a Xunta está traballando, a través da Axenda de impulso da industria forestal, en prestixiar esta industria promovendo a madeira e os novos produtos derivados dela nos sectores estratéxicos galegos como a automoción, o naval ou o téxtil e en eidos como o enerxético ou o deseño para a saúde.

A Xunta está a promover o uso da madeira na construción e rehabilitación en diferentes edificacións: na escola infantil A Baiuca, da Estrada, para que se utilizou madeira de abeto e piñeiro para estrutura e fachada; no Punto de Atención Continuada da Laracha, que se está a construír, e nos dous centros de saúde programados no Porriño e Ourense; e na reforma do edificio administrativo de San Caetano, onde se empregou madeira nas fiestras. Así mesmo, a Xunta está colaborando coa Fundación da Catedral de Santiago para a súa restauración con madeira. Son accións que pretenden ser o exemplo de que é posible contar con novos modelos de edificación sustentables utilizando recursos autóctonos de gran valor.

Neste sentido, fomentar o uso da madeira en novos sectores supón acurtar tempos de construción e reducir transporte e residuos; crear novas oportunidades laborais; apoiar unha industrialización que optimice a utilización da enerxía e a emisión de gases invernadoiro.

Galicia é unha importante potencia forestal -a novena de Europa- contando cun recurso autóctono abundante e de calidade que ten permitido un récord de volume de cortas de madeira, un novo máximo nas exportacións de madeira e manufacturas, con máis de 800M€ e o mellor rexistro da última década cunha facturación de 2200 millóns de euros.

Da industria forestal viven 80.000 familias que viven do forestal e 4000 empresas de primeira e segunda transformación que representan preto do 2% do PIB galego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2019