Feijóo salienta que preto do 80% dos traballadores laborais fixos da Xunta solicitaron xa converterse en funcionarios e acceder á carreira profesional

Precisa que un total de 10.375 empregados públicos pediron acceder á carreira profesional no eido da Administración Xeral a través do réxime extraordinario

Salienta que o novo aumento salarial para os empregados públicos da Xunta se materializará na próxima nómina do mes de xullo

Destaca que tanto a suba salarial como o acceso á carreira profesional únense aos acordos acadados pola Xunta coas organizacións sindicais nos distintos ámbitos da Administración galega
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que preto do 80% dos traballadores laborais fixos da Xunta solicitaron xa converterse en funcionarios e acceder á carreira profesional, un sistema que se está a implantar na Administración xeral por primeira vez na historia da Xunta.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que, ao peche do primeiro semestre, 2.586 efectivos do persoal laboral fixo que pode acceder á carreira profesional a través do réxime extraordinario solicitaron á Dirección Xeral da Función Pública o acceso a este sistema, o que implica o seu compromiso de converterse en funcionarios.

A esta cifra súmanse outros 7.789 funcionarios de carreira –o 95% do total– que tamén solicitaron xa o acceso á carreira. Deste xeito, un total de 10.375 empregados públicos pediron acceder a este sistema, o que supón o 90% do total de traballadores que podían solicitar o acceso á carreira profesional no eido da Administración Xeral a través do réxime extraordinario.

Cómpre salientar que o sistema de carreira profesional conta con dous réximes de aplicación: un réxime ordinario cun grao inicial e catro graos, ao que se poderán acoller os novos funcionarios e os que teñan menos de cinco anos de antigüidade; e un réxime extraordinario, habilitado de xeito excepcional para os traballadores con máis de cinco anos de antigüidade.

Sobre este segundo punto, Feijóo explicou que este réxime extraordinario contará con catro graos e comporta o acceso ao grao 1. Os beneficiarios percibirán de xeito progresivo unha contía anual por cada grao que vai dos 761 euros na categoría de menor nivel ata os 2.460 na categoría A1. E o prazo para solicitar o acceso á carreira profesional no réxime extraordinario remata o 29 de xullo.

Feijóo destacou que tanto a suba salarial como o acceso á carreira profesional únense aos acordos acadados pola Xunta coas organizacións sindicais nos distintos ámbitos da Administración galega: a implantación da carreira profesional na Administración Xeral; a reanudación da carreira profesional no Sergas; o acordo salarial co persoal docente; o acordo co persoal da Xustiza; e outros acordos máis específicos, como o dos axentes forestais e ambientais ou o do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Por outra banda, aseverou que a Xunta está a cumprir o compromiso de ofertar no eido da Administración xeral un mínimo de prazas de emprego público entre 2019 e 2020, que poderá ser ampliado nos correspondentes procesos de negociación sindical. Non en van, a Administración autonómica xa aprobou neste 2019 os seus tres decretos de ofertas de emprego público, que suman un total de 5.157 prazas -a meirande parte de acceso libre-. Estas novas ofertas de emprego público permitirán seguir aumentando a estabilización do persoal co obxectivo de: acadar unha taxa de estabilización do 93%.

O presidente da Xunta concluíu recordando tamén o novo aumento salarial para os empregados públicos da Xunta, que se materializará na próxima nómina do mes de xullo, de xeito que percibirán unha media de 885 euros anuais máis que en 2018; e unha media de 3.825 euros anuais máis que en 2015, cando se iniciou a senda da recuperación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2019